A Deputación da Coruña destina 800.000 euros á contratación de perosal para oficinas de turismo


Co obxectivo de seguir avanzando na profesionalización do sector, o departamento de Turismo da Deputación da Coruña destina neste exercicio un total de 800.000 euros para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo.

Serán beneficiarios das axudas os concellos e agrupacións de concellos de menos de 50.000 habitantes, que poderán recibir subvencións de entre 10.000 e 20.000 euros. Os municipios de menos de 10.000 habitantes que non dispoñan de áreas de turismo nin persoal asignado á xestión de turismo no seu organigrama, que non conten con grandes infraestruturas de aloxamento, mais que no seu territorio dispoñan de espazos, bens ou outros recursos capaces de xerar dinámicas positivas para o turismo, estacional ou eventualmente, poderán solicitar a subvención conxuntamente mediante a agrupación de concellos limítrofes (mínimo tres).

Desde 2017, a liña de subvencións da Deputación para a contratación de persoal especialista en turismo dálle traballo no ámbito territorial da provincia a 53 persoas e tamén servizo a un total de 62 entidades municipais.