A Deputación da Coruña financia o programa para a selección, reprodución e mellora da abella negra


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Apicultores Casa do Mel, Manuel Ferreira, acompañados da concelleira de Turismo do Concello das Pontes, Elena López, asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial financia o programa para a selección, reprodución e mellora xenética da abella negra local que está a desenvolver a Casa do Mel situada de Goente.

A achega provincial, que ascende aos 18.499,44 euros, permitirá executar o plan de recuperación e mellora xenética da abella local que se elaborou co asesoramento da Oficina de Transferencia da Investigación da Universidade de Murcia e da doutora experta na materia, Pilar de la Rúa Tarín.

Segundo argumentan desde a Casa do Mel, a recuperación da abella negra local presenta unha dobre vertente positiva xa que non só repercute na biodiversidade da especie, na conversación e protección dos ecosistemas e da paisaxe do territorio nos que se recupera e fixa á poboación, senón que tamén permitirá lograr unha maior produción co consumo de menos recursos, debido á súa mellor adaptación ao medio e resistencia ás enfermidades máis comúns.