Vontade de diálogo cos bateeiros cara unha explotación sustentable de mexilla e percebe

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que a Xunta de Galicia traballa co obxectivo de mellorar a explotación do percebe e da semente de mexillón (mexilla) e garantir que ambos recursos se extraen de xeito sustentable. Nese obxectivo, salientou, enmárcanse medidas como a delimitación de zonas para a extracción de mexilla decretada para esta campaña e reiterou a vontade de diálogo do Executivo galego co sector mexilloeiro para chegar a acordos.

Neste sentido, a representante da Consellería do Mar lembrou que se veñen mantendo contactos tanto cos bateeiros como coas confrarías de pescadores na busca de mellorar esa xestión e que onte mesmo se celebrou unha reunión cos representantes das principais asociacións de produtores de mexillón na que se lle fixeron distintas propostas. Entre elas, a análise da alegacións presentadas á orde que delimita as zonas de extracción de mexilla para ver a posibilidade de flexibilizar as zonas acoutadas.

Mercedes Rodríguez tamén subliñou propostas como a posibilidade de manter a extracción de semente de mexillón durante todo o ano, a flexibilidade no número de cordas colectoras e a época de despregue, a instalación de hatcheries para a cría de semente ou a creación de polígonos de cordas colectoras.

A directora xeral destacou que o sector bateeiro unicamente pediu retirar o artigo que permite delimitar as zonas de extracción, unha limitación de zonas que se viña abordando co sector desde hai tempo. Non obstante, esa posible supresión chocaría tanto coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que di que os plans de xestión de percebe son o marco no que se deben valorar as medidas para protexer este crustáceo cando coexiste coa mexilla e cos rigorosos informes técnicos que apuntan á necesidade de modificar as zonas de traballo para unha explotación sustentable da mexilla e do percebe.

Nesta liña, Mercedes Rodríguez trasladou o compromiso de diálogo da Xunta neste eido e apelou ao sector bateeiro a manter o mesmo talante para chegar a acordos. De feito, a representante do Executivo galego lembrou que nos últimos anos téñense prorrogado os períodos de extracción de mexilla máis aló dos prazos ordinarios para facilitar a súa obtención en épocas de escaseza ou tense ampliado o número de cordas colectoras para facilitar o labor dos bateeiros.