Unha exposición na Biblioteca de Galicia pecha o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán

A Biblioteca de Galicia acolle unha exposición no marco da conmemoración do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén impulsando durante este ano esta efeméride con diversos actos, congresos, actividades de formación ou mostras como a que está aberta ao público no Gaiás ata xaneiro de 2022. Sempre palpitante. Emilia Pardo Bazán, comisariada por Charo Crespo, pretende amosar a obra máis significativa da intelectual coruñesa e dar a coñecer algúns dos espazos nos que viviu e escribiu grazas aos fondos bibliográficos custodiados na Cidade da Cultura e ás copias dixitais de manuscritos e fotografías do Arquivo da Real Academia Galega.   

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante a inauguración “o gran legado que deixou Emilia Pardo Bazán tanto como escritora de novelas, ensaios ou contos como na súa faceta de crítica literaria e, en xeral, como intelectual humanista que viviu nunha época de profundos cambios sociais, políticos e culturais, sendo unha figura destacada a nivel internacional”. Con esta mostra, puntualizou, “complétase un ano de recoñecemento por parte da Consellería de Cultura a unha autora cunha obra tan significativa e que queda reflectida nesta exposición, onde ademais atopamos diversos estudos sobre a súa repercusión e publicacións baseadas na súa correspondencia”. 

Percorrido pola obra da autora

A través de 60 pezas organizadas en seis seccións, o percorrido achega aos cidadáns exemplares das obras máis coñecidas da autora como unha primeira edición da súa primeira novela publicada, Pascual López: autobiografía de un estudiante de medicina (1879), ou títulos como La Tribuna, ademais de Los Pazos de Ulloa, que saíu á luz en Barcelona en 1886 xa na súa etapa de madurez como escritora (primeira edición).

Na súa faceta de crítica literaria a mostra recolle a cuarta edición, de 1891, de La cuestión palpitante, unha recompilación dos seus artigos de prensa con prólogo de Clarín. Tamén se poden observar distintos ensaios que se deron a coñecer baixo o paraugas da colección Biblioteca de la Mujer, que a mesma Pardo Bazán dirixiu entre 1892 e 1917. Un matrimonio del siglo XIX, o seu primeiro conto publicado, é unha das pezas que ilustran o seu legado neste xénero. Ademais, completan a exposición biografías sobre a figura da intelectual como as de Isabel Burdiel ou Gómez de la Serna, obras ao redor da súa correspondencia como son as cartas a Pérez Galdós, ou estudos entre os que atopamos o libro da profesora francesa Nelly Clemessy, que elaborou a primeira tese doutoral que se fixo sobre Emilia Pardo Bazán.

A mostra pode visitarse no vestíbulo do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia no seu horario de apertura, con acceso de balde.

Novo micrositio dentro de Galiciana

Ademais desta exposición, a Biblioteca de Galicia vén realizando un importante traballo de difusión do legado de Emilia Pardo Bazán coa dixitalización de 75 das súas obras. Un labor que avanza coa edición en formato ePub de 12 dos seus títulos máis significativos (dos que xa están rematados 7), como son El príncipe Amado, La Tribuna ou Novelas ejemplares. Esta transformación a dixital de parte da obra de Emilia Pardo Bazán está xa dispoñible para o público nun novo micrositio dentro de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.

Con esta mostra dedicada a Emilia Pardo Bazán e coa organización hai uns días da Xornada técnica Panorama actual das bibliotecas autonómicas, que reuniu na Cidade da Cultura a representantes da Biblioteca Nacional de España, do Ministerio de Cultura e a responsables da xestión bibliotecaria de 16 comunidades e de Ceuta, ponse remate a un ano de celebracións por mor do décimo aniversario da Biblioteca de Galicia, que tivo ao longo deste 2021 un programa especial de actividades. De feito, aínda pode visitarse no vestíbulo do edificio a exposición que fai un percorrido por máis de 70 obras representativas das súas coleccións.