Seminario sobre os fondos Next Generation EU para pemes e administracións locais

Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, celebrará o venres un seminario sobre a financiación de proxectos para pequenas e medianas empresas e administracións locais e as perspectivas de futuro que se abren coa chegada dos fondos de recuperación Next Generation EU. 

O webinar celebrarase de forma online a partir das 11,00 horas e será impartido por Rodrigo Sanz, Business development & European Institutional Affairs de Euro-Funding. 

A actividade forma parte do proxecto Novatfe financiado con fondos europeos no marco da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP).

A Dirección Xeral de Administración Local é unha das entidades beneficiarias do programa que achegará aos concellos e Administracións locais a formación necesaria para a posta en marcha de novos proxectos emprendedores e  a implantacións das tecnoloxías facilitadoras nas pequenas e medianas empresas, así como boas prácticas para as entidades locais en todo o relativo ás smart cities e a administración electrónica.

Os interesados en participar poden consultar tódalas actividades na web do proxecto https://novatfe.com e no portal de Eido Local (www.eidolocal.gal). 

Nestas semanas estanse a impartir xornadas e talleres formativos en áreas de actuación do proxecto, como a Mancomunidade de O Salnés, os concellos das provincias de Ourense e Pontevedra e o municipio portugués de Valença de Minho. Os seminarios e talleres realízanse cun número reducido de asistentes co obxectivo de fomentar a participación activa 

Os contidos abordan temáticas como o uso das tecnoloxías facilitadoras -realidade aumentada, impresión en 3D, automatización avanzada e robótica, internet, das cousas, ciberseguridade industrial, big data...- para obter procesos e produtos de alto valor engadido en liña coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e a industria 4.0, así como o desenvolvemento de novos modelos de negocio para pemes e emprendedores. 

No ámbito das administracións locais incluíronse seminarios de boas prácticas para a definición estratéxica dunha cidade intelixente e o reto que implican en concellos ou entidades locais menores de 50.000 habitantes, así como o previsto para este venres co que sentar as bases para establecer estratexias de innovación á súa financiación no contexto dos novos fondos Next Generation e outras axudas europeas.