Río Miño, un destino navegable, novo proxecto turístico da Eurorrexión


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a coñecer en Salvaterra do Miño o proxecto Río Miño, un destino navegable, que forma parte do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e que ten como finalidade desenvolver o potencial turístico da Eurorrexión.  

O obxectivo desta iniciativa é crear unha ruta fluvial mellorando a navegabilidade do río Miño para así mellorar tamén a conectividade da Eurorrexión e a interrelación entre a súa veciñanza, á vez que se ofrece un atractivo máis para os visitantes como destino turístico.

Entre as iniciativas que se van poñer en marcha destacan as accións para mellorar a navegabilidade do río Miño ao longo de 16 quilómetros, entre a ponte internacional de Valença-Tui e a ponte internacional de Monçao-Salvaterra, así como a modernización dos embarcadoiros, a sinalización do río no canle navegable, a dotación dunha embarcación turística e de educación ambiental ou as actividades de promoción e consolidación da marca Visit Río Miño. Todas estas accións confluirán na creación dunha ruta turística a cargo da Axencia Turismo de Galicia.

O proxecto conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros que se financiarán con Fondos Feder, e no seu desenvolvemento están implicados, ademais de Turismo de Galicia e Turismo Porto e Norte de Portugal, os concellos de Salvaterra do Miño e Tui, o municipio de Monçao e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

Alfonso Rueda subliñou que este proxecto é un exemplo máis da cooperación entre Galicia e o norte de Portugal “que tantos e tan bos resultados están dando”, e recordou que en xullo deste ano aprobouse, precisamente en Salvaterra do Miño, o novo Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 2021-27, un documento estratéxico que permitirá fortalecer a cooperación transfronteiriza. No anterior período de programación 2014-20 permitiu que Galicia captase ata 163 millóns para a posta en marcha de 85 proxectos.