Récord mensual de consumo en novembro coa Tarxeta Bono Turístico

 

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo balance no Hotel Balneario de Mondariz da Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que só no mes de novembro supuxo un consumo de case 1,5 millóns de euros con récord mensual desde que se puxo en marcha o pasado xuño.

Así, destacou que o bono turístico foi un balón de osíxeno para o turismo galego tralo impacto da pandemia do coronavirus e, agora, nos meses da tempada baixa supón unha importante inxección económica que contribúe á desestacionalización da oferta e a mellorar as cifras de actividade e rendibilidade do sector.

De feito, os últimos meses están a ser os de maior consumo, ao acadar récord en novembro con 1,5 millóns de euros, seguido de outubro con máis dun millón de euros en compras realizadas nos case 1.200 aloxamentos adheridos á iniciativa ou nos paquetes turísticos dispoñibles comercializados por axencias de viaxes.

A Xunta prevé que os beneficiarios continúen a gastar o crédito das súas tarxetas nos próximos días ata que remate o prazo o 15 de decembro, tendo en conta tamén a previsión de que na ponte festiva da Constitución esta medida axude a obter boas cifras de ocupación.

O vicepresidente primeiro da Xunta asegurou que será o broche de ouro a unha iniciativa pioneira que foi imitada noutras comunidades tras converterse en todo un éxito esgotando o crédito en apenas 12 horas desde que se abriu a convocatoria.

O Goberno galego pretende mobilizar este ano no turismo galego un total de 7,9 millóns de euros co bono turístico. Máis de 12.000 persoas beneficiáronse da medida e asumiron o 40% do gasto que realicen nos establecementos turísticos da comunidade, en tanto que a Xunta achegou o 60% restante.

Alfonso Rueda lembrou o apoio da Xunta ao sector con máis de 120 millóns investidos neste ano entre os fondos para a hostalería no marco dos Plans de Rescate e distintas liñas de axudas e medidas para a súa recuperación económica como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia. Deste xeito, a través do fomento do consumo interno e de invitar aos galegos a coñecer a comunidade o sector turístico recibiu o empuxón que precisaba para a súa reactivación.

Xunto con outras medidas pioneiras como o seguro coronavirus e o reforzo da mensaxe de que Galicia é un destino seguro, conseguiuse que a comunidade liderase a recuperación turística en España. Entre xaneiro e outubro, Galicia recibiu máis de 3,7 millóns de viaxeiros e rexistráronse 8 millóns de noites, situándose a comunidade galega 24 puntos por riba da media estatal en canto á recuperación da demanda turística.