Proxecto RIMARTES, a riqueza do noso mar para desestacionalizar o turismo

Os GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur acaban de poñer en marcha o proxecto colaborativo “RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo” para contribuír ao desenvolvemento económico dos seus territorios apostando por un sector con gran perspectiva como é o turismo experiencial e o buceo recreativo para todos os niveis, desde o snorkel ata o de máis dificultade en profundidades que chegan aos 40-50 metros. 

Na presentación oficial de “RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo”, Manuela Oviedo Hermida, xerente do GALP Costa Sostible estivo acompañada por Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia. Pola súa banda, Oviedo Hermida destacou que con esta iniciativa se quere poñer en valor o rico patrimonio submariño dos tres grupos, tanto o material como o inmaterial, a biodidiversidade do noso mar e crear un produto turístico especializado para impulsar o mergullo experiencial. “Queremos recuperar o sentimento e as historias vinculadas aos naufraxios que se poden visitar en establecementos turísticos coma este recentemente inaugurado Hotel Faro de Lariño ou noutros lugares de referencia como pode ser o Cemiterio dos Ingleses, entre outros moitos”, explicou. 

A presentación de RIMARTES en Lariño non é casual xa que moi cerca deste faro, a fragata da Armada Española Ariete – D36 naufragou en 1966 e a propia decoración do establecemento está tematizada con este acontecemento histórico.

Ademais de felicitar aos tres GALP pola súa iniciativa, o vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia valorou que a través de RIMARTES se impulse un turismo emocional capaz de atraer a visitantes internacionais e desestacionalizar o sector para manter a demanda durante todo o ano.


Primeiros pasos

A execución de RIMARTES comezou neste último trimestre do ano coas primeiras tarefas de recompilación de información e catalogación dos naufraxios. O seguinte paso será o deseño e planificación de rutas emocionais nos tres territorios GALP, que entre todos abarcan 25 concellos e uns 300 kilómetros de costa desde Sada a Porto do Son. 

En novembro tamén se realizaron presentacións sectoriais en Camariñas, Fisterra, Porto do Son e Sada para dar a coñecer esta iniciativa de turismo experiencial aos axentes locais como son as asociacións turísticas, confrarías ou centros de buceo xa que eles son unha parte moi importante para a consolidación de RIMARTES e a súa prolongación no tempo.

Neste sentido, ademais do material divulgativo que arroupará a posta en escea de RIMARTES para coñecemento directo entre o seu público directo, turistas, visitantes ou veciños, tamén se editará outro específico contando coa colaboración dos centros de buceo, do sector turístico e do pesqueiro. 

Xunto cos folletos promocionais, mapas impresos e en PDF das rutas emocionais, vídeos, fotos submariñas dos pecios e dos barcos naufragados, web en varios idiomas ou perfís en redes sociais, editarase un atlas de especies pesqueiras para mellor coñecemento da rica biodiversidade que sempre xurde de arredor dos pecios, paneis informativos para os centros de mergullo, un catálogo fotográfico coas imaxes cedidas polos propios mergulladores afeccionados que nos visiten e que tamén se integrarán na exposición fotográfica itinerante dos “Tesouros do profundo”. 

Durante 2022 tamén se traballará coa hostalería do territorio para involucrala con distintas accións como concursos en redes sociais.

En concreto, desde os GALP quixeron destacar que esta é unha iniciativa pensada para una público en concreto, os afeccionados ao mergullo, pero que tamén está pensada para todas aquelas persoas que queiran coñecer a historia do mar desde terra. Poderano facer a través das rutas emocionais que seguirán os vestixios dos naufraxios visitando lugares simbólicos ou emblemáticos como o Cemiterio dos Ingleses, o barómetro do Serpent en Camariñas, restos do Mar Egeo en punta Herminia, Caneliñas, praias nas que, de cando en vez, asoman os esqueletos dos barcos,..... É dicir, ofrecerase un fío condutor para os itinerarios orientado a quen non vai mergullar. 


Accións específicas

Os proxectos impulsados polos GALP están chamados a ser o motor de desenvolvemento de novas formas de aproveitar os recursos do mar, desde un punto de vista sostible, con criterio de igualdade, promocionando o papel das comunidades pesqueiras e enfocando esforzos para impulsar o valor diferencial no territorio. 

É por iso que, co obxectivo de vertebrar unha oferta turística comercializable, perdurable e vencellada á riqueza do noso mar e dos tesouros do profundo, o proxecto RIMARTES tamén contempla a organización de dúas viaxes de familiarización de cara á próxima primavera. Unha delas será un famtrip con medios especializados e outra, unha visita experiencial cos propios axentes turísticos dos territorios involucrados xa que eles, como primeiros e mellores anfitrións son quen deben coñecer de primeira man os recursos para recomendalos. 

Os axentes turísticos tamén estarán convidados a varios seminarios sobre paquetización e posibilidades de aproveitamento do turismo experiencial e do buceo recreativo para os seus negocios e para a economía local.

Co obxectivo de acadar un maior impacto e divulgación do proxecto “RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo”, antes do verán tamén se realizará un foro temático en cada territorio GALP que será retransmitido a través dun medio de comunicación.