Posta en valor do Camiño de Santiago e o Jeju Olle Trail de Corea

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a Comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, mantiveron un encontro coa directora da División Internacional do Ministerio de Cultura, Deporte e Turismo de Corea do Sur, Jeongeun Lee, co obxectivo de seguir avanzando na colaboración entre ambas rexións, unidas pola tradición da peregrinación e a posta en valor do Camiño de Santiago e o Jeju Olle Trail, unha importante rede de camiños naturais situada na illa coreana de Jeju, empregada por milleiros de persoas anualmente como ruta previa a facer o Camiño de Santiago. 

O encontro, que tivo lugar nas instalacións de Turismo de Galicia, encádrase no marco das accións coas que a Xunta segue a impulsar o proceso de recuperación do peregrino internacional de cara ao segundo ano do Xacobeo 21-22. No caso concreto de Corea, a xuntanza permitiu abordar diferentes ámbitos relacionados coa promoción dos valores universais que unen estes dous itinerarios no continente asiático. 

De feito, Corea do Sur e Galicia levan tempo estreitando lazos a través de diferentes accións de colaboración e promoción e manteñen desde 2018 un protocolo de promoción conxunta e de valorización de ambos itinerarios, que se complementan á perfección. 

Mostra itinerante

Froito deste protocolo e deste novo encontro, ambas entidades responsables da promoción turística dos seus territorios acordaron por en marcha unha mostra fotográfica itinerante arredor dos camiños que unen Galicia e Corea do Sur e que permita por en valor os seus puntos en comúns – natureza, patrimonio, peregrinos, hospitalidade-, unindo a peregrinación do oriente e occidente a través dos valores universais do Camiño.  

Corea, o país asiático máis peregrino

Galicia e do Camiño de Santiago goza dun enorme recoñecemento neste país asiático, o que se traduce en que os coreanos son o primeiro país asiático en achega de peregrinos a Santiago. En 2019 Corea ocupou o sétimo lugar no podio de países estranxeiros, en que recolleron a Compostela: máis de 8.000 cidadáns dese país, o que supón seis veces máis dos que visitaron a tumba do Apóstolo no Xacobeo 2010.  No que vai deste ano marcado pola crise sanitaria e as dificultades de mobilidade, acadaron a Compostela 283 peregrinos procedentes deste país.

A espiritualidade e o feito de poder descubrir paisaxes diferentes a cada paso son algúns dos atractivos máis valorados polos peregrinos procedentes de Corea. A percepción do Camiño como espazo multicultural e o feito de que implique unha superación persoal son tamén aspectos que fan que cada ano o Camiño de Santiago acolla a mais peregrinos desta procedencia que, ademais, son peregrinos que viaxan preferentemente na primeira metade do ano, o que os sitúa como un mercado moi interesante de cara á darlle continuidade ao proceso de desestacionalización e á internacionalización do Camiño de Santiago, obxectivos que se pretenden recuperar cara ao próximo ano.