OlloVivo en coprodución con Cataluña e Portugal roda no Xurés un relato de Méndez Ferrín

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou o equipo do filme O corpo aberto durante unha nova xornada de rodaxe no concello ourensán de Muíños, onde se sitúan varias das localizacións da que é a primeira longametraxe de ficción da realizadora Ángeles Huerta. A Xunta de Galicia achégalle máis de 250.000 euros a esta longametraxe encabezada pola empresa galega OlloVivo mediante a liña de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

O produtor executivo do filme, Gaspar Broullón, acompañou o responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade neste percorrido polo set instalado na Reitoral de Barxés, no que tamén participaron os representantes institucionais dos concellos ourensáns de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín. Nestes municipios sitúanse as diferentes localizacións do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés nas que traballa o equipo de O corpo aberto desde primeiros de novembro.

Trátase, en palabras da propia produtora, dunha proposta de ‘terror folk’ baseada en Lobosandaus, o primeiro dos relatos que conforman Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín. O actor galego Tamar Novas interpreta aquí un novo mestre temporeiro que, a principios do século XX, é destinado a unha escola unitaria dunha pequena localidade na fronteira entre Galicia e Portugal. Desde a súa chegada, enfrontarase á naturalidade co que o misterio e a morte forman parte da vida cotiá da veciñanza.

Os tamén galegos María Vázquez, Federico Pérez, Elena Seijo ou Miquel Insua e a portuguesa Victoria Guerra figuran igualmente no reparto do filme de Ángeles Huerta, directora do galardoado documental Esquece Monelos, quen ademais asina o guión xunto a Daniel Domínguez. A longa conta, así mesmo, con banda sonora de Mercedes Peón.