O Festival do Bocata Gourmet no Mercado de Santo Agostiño

O Mercado de Santo Agostiño acolle esta fin de semana, sábado 4 e domingo 5 de decembro, o VI Boucatise - Festival do Bocata Gourmet, un certame que fai un percorrido pola gastronomía e materia prima galega da man de recoñecidos cociñeiros da nosa cidade desde a filosofía "street food".

O Festival contará coas creacións dos establecementos A Parva, La Teresa, Greca Bar, La Conquista, La Cuchara Veggie, La Mansión 1783, Nana Pancha, Restaurante Óvera, Roots e Charlatán. Tamén haberá opcións doces da man de Habaziro e Café Veracruz. Todas as propostas terán un prezo de entre 3 e 6 euros.

Como novidade, ao término do evento, elixirase o Mellor Bocata Boucatise 2021 e o Mellor Bocata Boucatise 2021 - Maridaxe Estrella Galicia. Elixiranse por votación popular votando cos códigos QR que haberá en cada un dos postos e están dotados cun premio de 500€ cada un. As persoas que participen nas votacións optarán ao sorteo de experiencias gastronómicas nos restaurantes de Boucatise.

Ademais, durante as dúas xornadas haberá diversos showcookings da man de chefs coruñeses nos que se amosarán novidades e se impartirán receitas de cociña. A inscrición para asistir xa está completa pero poderanse seguir a través da canle de Youtube de Turismo da Coruña e das pantallas do festival.

Estes showcookings correrán a cargo de Álvaro Victoriano (Charlatán), Anne Chirley Cabello Orosco (La Conquista), Enrique Vázquez (Terreo), Javier Freijeiro e Moncho Bargo (Pracer), Moncho Méndez (Millo Orzán), Nataly Rodríguez e Balázs Menyhard (55 Pasos) e Pablo Morales (Habaziro). Tamén haberá pica discos e actividades infantís para amenizar o ambiente.

Como medida de prevención ante a Covid, o Festival conta cun protocolo sanitario no que se recomenda seguir as recomendacións sanitarias da organización.