O enoturismo e a innovación gastronómica, eixos do novo Plan Territorial

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou á alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, na primeira xornada informativa sobre a Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino 2022: Enogastronomía que a Xunta vai impulsar no marco do desenvolvemento da Estratexia de Sostibilidade Turística en Destino que se está a desenvolver con fondos europeos Next Generation. 

Logo de que Xunta e Goberno central aprobaran esta mañá en Conferencia Sectorial de Turismo o primeiro dos Plans Territoriais que se vai impulsar no marco destes fondos europeos, o Plan Territorial do Litoral, a través do que Galicia recibirá 29,3 millóns de euros de fondos Next Generation, Turismo de Galicia está a impulsar os primeiros contactos con entidades locais e con sector para avanzar nos proxectos do que será o seguinte Plan Territorial. 

Tal e como se fixo con Plan Territorial do Litoral, a Xunta identificou unha prioridade para o seguinte plan, a enogastronomía, por considerar que é un dos recursos turísticos claves do modelo turístico galego. 

Este novo plan, para o que se destinarán 31,7 millóns dos fondos europeos, deberá estar aprobado a mediados do vindeiro ano, “polo que os proxectos que se inclúan nel terán que presentarse ao longo do primeiro trimestre de 2022, de aí a necesidade de que comecemos a traballar nas propostas e os proxectos tractores que se presentarán tanto para as Accións de Cohesión en Destino (ACD) como para os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD)”, explicou Nava Castro. 

Innovación e impulso á dixitalización

Tanto ACD como PSTD deberán estar aliñados cos obxectivos fixados na Estratexia xeral, isto é: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade, ademais de estar orientados ao desenvolvemento de actuacións que teñan que ver co enoturismo, a innovación gastronómica ou ao desenvolvemento de novos produtos e experiencias relacionadas coa gastronomía, os produtos enogastronómicos ou os territorios nos que se asentan.

O Plan Territorial de Enogastronomía desenvolverase no horizonte 2022-2025 co obxectivo de promocionar e mellorar Galicia e os diferentes territorios como destino enogastronómico de primeiro nivel poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes territorios que nos permitan avanzar na transición verde, na mellora da eficiencia enerxética e na mellora da competitividade nos ámbitos de influencia dos territorios vitivinícolas e aqueles vencellados con outros produtos gastronómicos.