O Concello de Pontevedra cederá Santa Clara á Deputación


O Concello de Pontevedra e a Deputación asinarán mañán martes un protocolo de colaboración co obxectivo de recuperar do mellor xeito posíbel Santa Clara e a súa cesión a institución provincial. «Hoxe foi un día especial, pois aprobamos un protocolo que permitirá traballar co Museo de Pontevedra na futura cesión do recinto conventual á Deputación Provincial», explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, foi o encargado de contar polo miúdo os detalles deste acordo e os termos nos que quedou establecido. «Creo que é coñecido, e así sempre o comunicamos, que a hipótese central ou destino preferente de Santa Clara ía ser o Museo. Hoxe formalizamos un protocolo que se asinará este martes, ás 11 horas, no Concello», explicou o vicepresidente, que fixo fincapé na simple materialización desa idea que sempre estivo sobre a mesa, a intención de traspasarlle esta propieda á Deputación para o Museo de Pontevedra, coa condición de que os xardíns e demáis espazos verdes queden para uso público.

Así, unha vez formalizada a cesión, será a propia Deputación a organización que estude as posibilidades que ofrece o novo espazo para este primeiro fin, comprobar a viabilidade do proxecto, a través dos diferentes estudos precisos: arqueolóxicos, históricos, negociación con Patrimonio… «É o lóxico. O Concello podería facer un estudo xeral, abstracto, pero se é o Museo o interesado, o lóxico é que xa faga un estudo apropiado e enfocado a unhas necesidades específicas», comentou Mosquera.