Iluminación do Xacobeo en Madrid para conmemorar o Ano Santo Dobre

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou xunto co alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, a iluminación do Xacobeo en Madrid co logotipo instalado este Nadal na glorieta onde se cruza o Paseo do Prado con Costa de Claudio Moyano para conmemorar o Ano Santo Dobre. 

Xa o ano pasado o símbolo do Xacobeo estivo presente todo o Nadal na iluminación da glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral no marco do programa Acende o Xacobeo, co que a Xunta iluminou un cento de monumentos de toda España, moitos deles vinculados co Ano Santo, para lembrar a conta atrás cara este Ano Santo que finalmente se estendeu a 2022. Neste ano, o símbolo do Xacobeo volve estar presente no alumeado navideño da cidade. 

Alfonso Rueda invitou aos galegos residentes en Madrid e a tódolos madrileños a continuar a camiñar a Galicia o próximo ano, ao igual que neste 2021, para desfrutar do segundo ano do Xacobeo, no que a Xunta confía en que acade o seu esplendor abrindo as portas a todo o mundo e coa reactivación da peregrinación internacional. De feito, no que vai de ano selaron a Compostela case 22.000 peregrinos procedentes de Madrid, a segunda comunidade despois de Andalucía da que máis camiñantes se contabilizaron. 

Supoñen o 13% dos máis de 177.500 peregrinos que obtiveron a súa credencial este ano e case a quinta parte dos que proceden do territorio nacional que, no seu conxunto, representan case sete de cada dez -máis de 121.500- fronte ao 30% de estranxeiros.