Extrema vixilancia no cumprimento das normas sanitarias nestes días de nadal

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda,  e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron unha reunión por videoconferencia cos xefes das policías locais das principais cidades galegas, así como os mandos autonómicos da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica, onde acordaron extremar a vixilancia no cumprimento das normas sanitarias nestes días de Nadal e abordar a coordinación dos dispositivos entre as distintas forzas e corpos de seguridade. 

No encontro tamén participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.  

O vicepresidente primeiro da Xunta apelou unha vez máis á responsabilidade individual e ao “sentidiño” da poboación, e solicitou máxima prudencia para previr contaxios. Nesta liña, aclarou que con independencia de que haxa un alto índice de vacinación, as cifras de contaxios están sendo altas e todos debemos cumprir as normas. Destacou que unha maior presenza policial nestes días é fundamental para velar polo cumprimento das normas e detectar, denunciar e sancionar comportamentos e conductas irresponsables que poñen en perigo a saúde de todos. 

Os axentes vixiarán especialmente que se respecte a obrigatoriedade do uso da máscara e a distancia de seguridade, xunto co resto de medidas vixentes nos distintos ámbitos, para frear o avance do virus,  tendo en conta que a actual evolución da incidencia en Galicia esixe ter moita máis precaución, evitando aglomeracións e limitando os riscos.

Perante uns días que se prevén moitos desprazamentos e na que tradicionalmente se celebran moitas xuntanzas en Galicia, as autoridades e os mandos policiais recordan a necesidade de seguir respectando as restricións ás que obriga a situación sanitaria pola covid-19. Polo tanto, tal e como se acordou no encontro, os axentes controlarán que os establecementos abertos ao público cumpran as normas vixentes e que non se celebren botellóns, que están prohibidos e levan aparellados sancións. 

Tamén comprobarán que profesionais e usuarios están a respectar a obrigatoriedade de amosar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa-  nos distintos sectores para os que se se aprobou a súa exhibición.

Ademais das medidas vixentes, as que se acorden mañá na reunión da Conferencia de Presidentes entre o Goberno central e as comunidades autónomas trasladaranse tamén ás forzas e corpos de seguridade a través da Sala de Control de Operativos (Sacop) para vixiar o seu cumprimento.

No encontro telemático, Alfonso Rueda agradeceu a labor das forzas de seguridade e pediulles especial vixilancia estes días de festa, lembrando tamén que unha alta porcentaxe de contaxios se producen en encontros familiares.