Etiqueta Negra punto de encontro en Pontevedra ata o domingo cos produtos gourmet galegos


Máis de cen empresas e firmas relacionadas coa alimentación de alta gama expoñen dende hoxe ata o domingo os seus produtos de alta gama no recinto feiral de Pontevedra. O Salón Etiqueta Negra foi inaugurado este mediodía pola concelleira de Promociónj Económica e Turismo, Yoya Blanco, e polo alcalde Miguel A. Fernández Lores.

Nestes tres días, ademáis dos stands expositores, o visitantes terán a oportunidade de asistir a actividades de cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, exhibicións, catas comentadas e maridaxes. 

Ao longo das tres xornadas desenvolveranse tanto no Punto de Encontro Profesional como nos propios stands numerosas reunións dos expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores, etc. Para iso, contactáronse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, así como 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.

Impulsada pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco, Etiqueta Negra conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá, como auga oficial, Deputación de Pontevedra, Eroski, Gadis e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, colaboran nesta quinta edición o CIFP Carlos Oroza, Froiz e Gráficas Anduriña.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas, agás o domingo que pechará ás 20.00 h. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.