Encontro para profundar nos intereses comúns de Galicia e Nova-Aquitania

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, reuniuse co seu homólogo da rexión de Nova-Aquitania, Jean-Michel Arrivé, para profundar nos intereses comúns de Galicia e Nova-Aquitania co fin de negociar un protocolo de colaboración entre ambas rexións. Con este protocolo buscarase desenvolver vínculos nos ámbitos institucional, económico, pesqueiro-marítimo, educativo, de saúde, de turismo e de cultura, entre outros.

O director xeral presentou as liñas nas que se basearía o protocolo de colaboración salientando a necesidade dun fortalecemento na cooperación económica como, por exemplo, no sector de automoción ou aeronáutico; no eido da economía azul; da I+D+i; na saúde, no sector agropecuario, forestal e naval, entre outros. No eido cultural e de turismo, Jesús Gamallo, subliñou a gran importancia que ten o Camiño de Santiago como punto de unión entre Galicia e Nova-Aquitania.

Pola súa banda, Jean-Michel Arrivé, mostrou satisfacción coas propostas realizadas desde a Xunta e destacou o elevado interese da rexión de Nova-Aquitania na área da economía azul, xa que Galicia e Nova-Aquitania pertencen á Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, particularmente á Comisión do Arco Atlántico. Neste contexto, Jesús Gamallo indicou que é necesario colaborar conxuntamente na futura Estratexia Atlántica para que poida desembocar nunha futura Macrorrexión Atlántica, onde as rexións estean mellor asociadas a poidan tomar decisións sobre o desenvolvemento deste gran espazo común. Isto tendo en conta que ambas rexións participan no programa Interreg Espazo Atlántico, un importante instrumento europeo de financiamento de proxectos de cooperación marítima.

Ambos representantes concluíron na necesidade de avanzar na negociación para a firma dun protocolo de colaboración apostando á vez por un maior peso das rexións.