Convocatoria da XXVIII edición dos Premios de Publicidade en Galego


A Xunta, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan a XXVIII edición dos Premios de Publicidade en Galego correspondentes ao 2021 co obxectivo de promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario en cumprimento do Plan xeral de normalización.

O obxecto desta convocatoria é establecer e regular o procedemento para a concesión dos premios dirixidos ás empresas anunciantes, ás axencias de publicidade e aos centros educativos públicos, privados ou concertados especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade, polos traballos que realicen e polo seu desenvolvemento técnico, respectivamente.

Ao igual que nas convocatorias anteriores, as bases establecen un total de cinco premios, un por cada unha das seguintes categorías, segundo o medio de difusión: radio, televisión, internet e prensa escrita, mais un premio extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. As catro primeiras categorías están divididas, ademais, en dúas modalidades, con premio para a empresa anunciante e para a axencia de publicidade.

O prazo de inscrición da convocatoria e para a presentacións dos correspondentes traballos comeza mañá e rematará o vindeiro 30 de decembro. Toda a información relativa ao proceso de presentación de solicitudes e traballos, así como as bases completas da convocatoria, están dispoñibles no Portal da Lingua Galega.

Os galardóns recoñecerán as accións publicitarias, difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020. A categoría destinada ao alumnado premiará, pola súa banda, os traballos relacionados coa publicidade realizados durante o curso 2020-2021. Os gañadores recollerán os seus respectivos premios, que consistirán nunha certificación e mais unha obra artística, nunha cerimonia que terá lugar no Parlamento do Galicia durante o primeiro trimestre de 2022.