Conclusións da xornada “Sustentabilidade, patrimonio e experiencias: piares dun destino competitivo"

 


A sostibilidade, o patrimonio e as experiencias como piares fundamentais para a transformación do turismo centraron hoxe a xornada organizada polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación e que reuniu no auditorio de Cambados a persoas expertas e representantes de primeiro nivel para afondar en cuestións como os plans de recuperación e de sustentabilidade. Na apertura do evento, a presidenta provincial Carmela Silva reivindicou a creación dunha mesa galega de participación pública e privada para “definir que turismo queremos e cales son as iniciativas que hai que poñer enriba da mesa para chegar a el e presentar proxectos conxuntos sen ter que competir”. “Non é o momento de competir –dixo- senón de xuntar forzas, sumar, de escoitarnos e construír xuntas e xuntos”. Lembrou que “hai moitos recursos que veñen de Europa e do Goberno do Estado, onde van participar as comunidades e o mundo local, e temos que poñer enriba da mesa un proxecto turístico potente para Galicia, porque temos unha potencialidade que se pode comparar con calquera do mundo. E temos que facelo da man”. 

Na súa intervención, Carmela Silva subliñou a ineludible aposta pola sostibilidade –“porque a Covid estanos demostrando que non hai futuro da humanidade sen sostibilidade”-, así como pola recuperación do patrimonio, por engadir valor ao destino a través do turismo de experiencias e pola transformación dixital para facer plans turísticos e avanzar na transformación do sector, destacando a este respecto que na provincia “xa se está a facer un turismo sostible que dá beneficios; xente que está a apostar por produtos sostibles e vinculados ao territorio, á esencia propia do que somos”. Pero insistiu en que neste momento “estamos nunha encrucillada que vai definir como seremos nun futuro a corto, medio e largo prazo e hai que ter responsabilidade e altura de miras para facelo”. A presidenta tamén se solidarizou co actual momento de incerteza do sector trala nova onda da Covid “e espero que todas as administracións saibamos remar xuntas e xuntos para tomar decisións que non danen a un sector tan importante como este”.

Matizou que “a relación público-privada é a única que pode permitir que da palabra pasemos aos feitos”, de xeito que na mesa que propón  a nivel galego, subliña que deben estar a Xunta, as deputacións e a Fegamp para representar ao mundo local, xunto ao sector: “Iríamos moito mellor –apuntou- se tiveramos definido un proxecto conxunto para Galicia, onde cada territorio poida ter recursos para desenvolver o seu sector. Están chegando do Estado á comunidade a través dos Next Generation ducias de millóns para modernizar o sector do turismo e temos que ter claro cales son os proxectos que queremos desenvolver. Non cremos todas e todos que os recursos teñen que servir para transformar e non só para gastar?”.

A presidenta provincial animou ao sector a presentarse ás distintas convocatorias de fondos para plans de sostibilidade que van saír ata mediados de xaneiro e indicou que a Deputación xa acadou financiamento para dúas iniciativas que apostan por potenciar o turismo de interior nas comarcas de Deza-Tabeirós e Condado-Paradanta. Amais, lembrou que tamén haberá recursos para recuperar o patrimonio e os Bens de Interese Cultural (BICS) que xestionarán as comunidades autónomas, “e fago un chamamento a que definamos que BIC imos recuperar, porque o fin ten que ser que actuar neles signifique que acaden capacidade de atraer turismo”, así como tamén haberá achegas para destinos turísticos intelixentes, onde a institución prevé seguir avanzando no proxecto Tourist Inside para a dixitalización do sector na provincia. ”Moitas destas iniciativas as vai ter que presentar o sector privado –engadiu- pero a Deputación vai estar do voso lado para apoiarvos e dedicar recursos se é necesario”.

Na súa intervención, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, incidiu en que os fondos Next Generation “van acelerar a transformación do sector e debemos adaptar esa transformación cunha visión aberta e transversal”. Pardal subliñou que a de Pontevedra é a única Deputación de Galicia “que leva aos empresarios e empresarias a outros territorios a vender a provincia de Pontevedra, como sucedeu en Valencia e Madrid. Fíxose un traballo excelente pola institución e polos e polas profesionais, porque fixeron negocio e iso é do que se trata”. Subliñou o papel que xoga o turismo no desenvolvemento sostible desde o punto de vista ambiental, social e económico: “Temos unha responsabilidade coa natureza e coas comunidades nas que actuamos e cos territorios”. Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, incidiu nos bos resultados do sector no concello durante este ano e compartiu as premisas para o turismo do presente e do futuro: “Pola xente estamos a facer un turismo de calidade coidando a sostibilidade”.

Xornada   

A xornada abordou diversos temas relacionados coa de recuperación e transformación do sector, con especial atención á sostibilidade en destino, os clubs de produto como oportunidade de negocio e a posta en valor do patrimonio. Na primeira das mesas abordáronse os “Plans de sustentabilidade: unha nova ferramenta de planificación turística” e participaron a deputada Ana Laura Iglesias xunto a Gumersindo Guinarte, concelleiro de Turismo do Concello de Santiago, e Alexandra Seara, xerente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra. 

Tamén se abordaron os “Clubs de produto como elemento xerador de negocio”, coa participación de Rafael Llamas, alcalde de Montilla e presidente da Ruta do Viño Montilla-Moriles; Antonia Varela, directora da Fundación Starlight e Ángel Barbero, director de estratexia e innovación de Nateevo. Xa na mesa sobre a “Valorización do patrimonio para uso turístico” interviñeron Antonio Baeta, de Turismo de Portugal e Gonzalo Arroita, consultor de Nacións Unidas en Patrimonio Cultural e Turismo.