Arrinca unha nova edición da Feira Etiqueta Negra


Etiqueta Negra volve este ano coa súa quinta edición; e volve con más forza que nunca, para converterse no epicentro do delicatessen galego. A feira do gourmet galego abrirá mañá venres 10 ás 11 horas as súas portas coa presenza dun centenar de expositores que destacan pola singularidade e alta calidade dos seus produtos. A feira contará ademais cun amplo programa de actividades, tales como cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, maridaxes e catas para saborear Galicia.

Deste xeito público profesional e público gourmet daranse cita no Recinto Feiral co obxectivo de descubrir, degustar e difundir a excelencia dos nosos produtos galegos. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, vermús, cervexas e outras bebidas sorprendentes como o hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, carnes, caracois, embutidos, conservas, setas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un sen fin de delicias que farán gozar aos padais máis esixentes.

Moitos destes produtos poderán saborearse tanto na Zona de Catas como na Viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada. Xunto coa Tetería da Deputación de Pontevedra que volverá para dar a coñecer o té galego, feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas (20 persoas).

Como preludio á feira, esta mañá celebrouse no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) a actividade “1906 / ETIQUETA NEGRA”, dirixida a 30 profesionais da hostalaría da cidade e da comarca e coa concellaría de Promoción Económica e Cervezas 1906 como impulsores. Esta iniciativa tivo por obxectivo impulsar a cociña colaborativa co fin de xerar riqueza e valor na comunidade local a través da alianza con provedores e outros profesionais do sector.

Así, desenvolveuse en primeiro lugar a mesa redonda “Gastronomía Colaborativa” na que participaron Iñaki Bretal, chef do Eirado da Leña; Carlos Ávila, responsable de Cultura de Cervexa de Hijos de Rivera, así como os produtores Xesús Mazaira e Milagros Castro propietarios da queixaría Airas Moniz e das conservas Los sabores del Camino, respectivamente. Ao finalizar, tivo lugar unha degustación maridaxe destes produtos con Cervezas 1906.