Aposta pola produción de calidade de proximidade, san e sustentable


“A futura Lei da calidade alimentaria será a panca na que asentemos a produción de proximidade, a produción san e sustentable e a produción de calidade que sempre distinguiu a Galicia no ámbito gastronómico”. Así o defendeu o conselleiro do Medio Rural no acto de entrega da quinta edición dos premios Exceleite 2021, que recoñecen ás explotacións galegas senlleiras de vacún de leite e avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca.

Neste acto, enmarcado dentro da I Mostra de Calidade Alimentaria organizada pola Xunta e que se desenvolve ata mañá venres no Pazo de Quián, en Sergude (Boxeixón),José González trasladou que a devandita lei entrará no Parlamento no vindeiro ano 2022 e supón -salientou- “a nosa aposta definitiva pola calidade, pola singularidade e pola diferenciación”.

En relación con este eido, cómpre lembrar que onte mesmo se presentaba, no marco desta I Mostra, a campaña Galicia Etiqueta Calidade, na que a Xunta investirá 700.000 euros para divulgar a excelencia da despensa da nosa comunidade. Esta iniciativa engloba, entre outras marcas, o leite certificado baixo o selo Galega 100% e os queixos galegos con denominación de orixe, que amparará, así mesmo, a nova sección GaliciaCalidade Alimentaria. Este selo, que tamén foi presentado onte, englobará produtos alimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción.