Achega de 200.000 euros para celebrar no 2022 a Mostra do Encaixe de Camariñas e da Olería de Buño

A Deputación da Coruña reserva, nos seus orzamentos de 2022, achegas por importe de 200.000 euros para financiar dúas citas clave da artesanía nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte e de referencia no seu eido en toda a provincia: A Mostra do Encaixe de Camariñas e a Mostra da Olería de Buño, en Malpica.

No caso da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, ademais de manter o apelido da institución provincial outro ano máis, destínase unha partida de 120.000 euros para axudar a sufragar os gastos da celebración deste evento, que volve ás súas datas tradicionais de celebración durante a Semana Santa e que terá lugar do 13 ao 17 de abril do ano 2022. A Mostra chega á súa trixésimo primeira edición afianzando a súa aposta pola tradición do encaixe fusionada coa vangarda das altas pasarelas de moda.

Para a Mostra de Olería de Buño, que alcanzará en 2022 a súa trixésimo oitava cita, a Deputación da Coruña destina 80.000 euros coa finalidade de manter un evento no que o protagonismo é para os artesáns e artesás oleiros que manteñen vivo este oficio en Buño, sinónimo de tradición oleira en toda Galicia. Un ano máis, a Mostra con postos de venda, exposicións permanentes e demostracións en vivo.

Estes investimento contemplados nos Orzamentos 2022 da Deputación ten un dobre obxectivo xa que, por unha banda, supón un importante respaldo económico e turístico para a comarca, e, pola outra, axuda a manter a tradición centenaria da artesanía local en dous elementos fundamentais como son o encaixe camariñán e a olería de Buño.