Á búsqueda dos mellores capóns e galos para este Nadal


Prompoñemos aos nosos lectores unha viaxe pola Galicia interior, cruzando os vellos camiños xacobeos na procura de manxares centenarios, capóns e galos de curral, que nestas datas de Nadal protagonizan feiras e mercados en varias vilas das provincias de Lugo e Pontevedra.

A nosa ruta comeza en Vilalba, parada obrigada para os peregrinos que veñen facendo o Camiño do Norte, e fogar dunha Feira do Capón (o Capón de Vilalba está amparado por unha IXP) que se remonta canto menos a comezos do s.XIX. Un encontro tradicionalmente celebrado na praza de Santa María, que hoxendía se trasladou a un recinto cerrado, resgardado das posibles inclemenzas do 21 de decembro no que se celebra.

Mantén a tradicional presentación dos capóns en cestas de vimbio ou de madeira, coa súa cor dourada contrastando vivamente cos brancos panos que os acompañan, ofrecendo un espectáculo digno de ver, que só palidece ante a experiencia que supón degustalos.

Trasladámonos a Vila de Cruces, terra situada entre a ruta do Camiño Francés e a Vía da Prata, na que xa homenaxearon ao seu afamado Galo de Curral en setembro, pero que agora repiten neste 22 de decembro poñendo á venda exemplares na súa Feira de Nadal.

Unha ocasión ideal para todos os que queiran probar estas aves criadas ao aire libre pola Noiteboa, no día de Nadal… ou na propia feira, que se os protocolos o permiten recuperará este ano unha degustación popular.

E para rematar a nosa ruta buscando aves de pico, finalmente tiramos cara Meis, a carón do Camiño Portugués. Nesta localidade pontevedresa celebran tamén o nseu Mercado de Nadal do Galo de Corral, o 22 de decembro no mercado municipal. Sen tanto percorrido como as dúas citas anteriores, pero igualmente excelente para conseguir un produto de calidade en sintonía coa nosa gastronomía estacional tradicional.