A APEHL lanza a campaña Regálal...E Regálat…E



Un total de 39 negocios hostaleiros da provincia entre restaurantes, bares, cafeterías, hoteis, empresas turísticas e bodegas… participan desde onte, 15 de decembro, na campaña Regálal...E Regálat…E, coa que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) quere incentivar a venda de experiencias gastronómicas e turísticas como agasallo para este Nadal, “unha iniciativa para axudar a activar os nosos negocios coma xa fixemos o anterior ano”, afirman desde Apehl.

A iniciativa ofrece ao cliente a posibilidade de comprar gastronomía, consumicións, estancias en hoteis, turismo rural, experiencias turísticas e enoturismo nos establecementos participantes. “É un bo atractivo para clientes particulares e tamén unha boa idea para empresas, que poidan substituír os seus obsequios do Nadal por este tipo de agasallos para os seus traballadores”, explican.

Os locais adheridos á campaña teñen un cartel identificativo como establecemento participante e uns tickets agasallo que se cubrirán en función da compra dos seus clientes. Na páxina web da Asociación (apehl.org) xa están visibles todos os establecementos participantes e a campaña desenvolverase desde o 15 de decembro ata o 5 de xaneiro.