Xosé Regueira: "O turista da nova era busca autenticidade e elementos diferenciais nos destinos"


"O reto é que no futuro cando se fale de turismo en Galiza se fale de retorno económico no ámbito local, de xeración de emprego, e de calidade na preservación do medio natural" concluíu o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira,no IV Fórum do Camiño de Santiago - FairWay. Baixo o epígrafe "Turismo e Sustentabilidade". Alí fixo un repaso polos principais retos do turismo de cara ao futuro nun foro no que tamén participaron o concelleiro de Turismo do Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Xosé Regueira asegurou que "o reto da sustentabilidade, que vai implícito no reto de salvar o planeta, é un reto colectivo" e en relación ao turismo centrouno en tres aspectos. Dunha banda, citou o reto da sustentabilidade social, no sentido de que a actividade turística ten que ter un retorno na comunidade local e na empregabilidade no territorio no que se asenta. En segundo lugar, mencionou a sustentabilidade económica explicando que "o turismo actual non pode supoñer en ningún caso unha barreira de cara ao futuro, de xeito que o territorio ten que manter a súa capacidade para seguir xerando negocio da man de vindeiras xeracións". En terceiro lugar, situou a sustentabilidade cultural avogando por iniciativas que manteñan e protexan a diversidade cultural fronte á globalización e á uniformidade.

O vicepresidente tamén aproveitou para definir ao "turista da nova era" como un turista "consciente, que busca a autenticidade e os elementos diferenciais dos destinos que visita". Neste sentido, asegurou que "desde o punto de vista cuantitativo estamos facendo un bo traballo desde as administracións, pero o que precisamos agora e dar o paso para seleccionar o tipo de turista que queremos atraer".