Volta "Fiando Redes" co obxetivo de mobilizar conciencias a prol da igualdade

Activar o tecido asociativo feminino, tecer redes e mobilizar conciencias a prol da sensibilización en igualdade de xénero son os principais obxectivos do novo programa que lanza a Deputación de Pontevedra, “Fiando Redes”, que está dirixido ás asociacións de mulleres e outros colectivos, federacións ou fundacións da provincia que teñan como fin prioritario e ámbito de actuación a promoción da igualdade. 

Deste xeito, a través da iniciativa, para a que a Xunta de Goberno aprobará este venres as bases cun orzamento de case 277.000 euros, a Deputación financiará para estas asociacións distintas actividades culturais, con temática inclusiva e con perspectiva de xénero, coas que se pretende favorecer a socialización das mulleres, activar a súa participación social e, ao mesmo tempo, visibilizar o traballo das artistas que participan no programa. Do mesmo xeito, supón o inicio da progresiva recuperación dos programas con participación da cidadanía despois das restricións máis duras da pandemia.

As actividades que ofertará a Deputación enmárcanse en cinco bloques: encontros con escritoras, acción escénica, música, mural e faladoiros. No primeiro caso, trátase de reunións coas autoras  galegas María Lado, Dores Tembrás e Miriam Ferradáns, coas que se pretende dar a coñecer e poñer en valor a creación literaria, ao tempo que se fomentan a lectura, a escritura creativa e a oralidade e valores como a tolerancia e a igualdade. 

As accións escénicas integrarán interpretación, música e baile e as asociacións poderán elixir entre os espectáculos da dramaturga, actriz e directora Mónica Sueiro; o recital “Literarias”, con Mariana Carballal, Isabel Blanco e Silvia Penas; e as pezas da creativa e adestradora emocional Baia Fernández ou das actrices Laura Villaverde e Sue Moreno.

As actuacións musicais ofertadas a través de “Fiando Redes” son as das artistas galegas Las Antonias; Regueifas, con Alba María e Lupe Blanco; Zeltia e Nastasia Zürcher, mentres que as artistas que realizarán murais con perspectiva de xénero son Nana, Doa Oa, Laura Tova e Laura Torres. 

Por último, no caso dos faladoiros, estarán a cargo da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (Apaioga) e os colectivos poderán escoller entre os seguintes temas: Prevención de violencias machistas, Coñecendo a menopausia; Autocoidados; Ecofeminismo/Sustentabilidade da Vida; A linguaxe inclusiva como motor do cambio; Recursos contra a violencia machista; Muller e Saúde; Estimulación Cognitiva a través do Xogo; Escape Room da igualdade ou Música, Cine, Televisión. 

As entidades interesadas deberán solicitar, como máximo, cinco actividades por orde de prioridade entre as mencionadas e a Deputación concederalle a cada asociación unha soa proposta, en función da dispoñibilidade e a orde de petición. O prazo para realizar as solicitudes, que se formalizarán preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica (sede.depo.gal), comezará un día despois da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e deberán pedirse cunha antelación de máis de 20 días naturais á data en que se prevea celebrar.