Tarabelo e Torques do Castro para catar con arte no Ribeiro


Arco da Vella a Adega de Eladio deu o pistoletazo de saída á sétima edición do ciclo “Cata a Arte” coa presentación e degustación do seu viño branco Torques do Castro e os seu tinto Tarabelo, acompañada dun recital poético e cancións á viña e ao viño. O evento tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense con aforo completo.

O recitado de poemas á viña e ao viño fíxose intercalado por parte de Armando González López (poeta, músico e letrista de María do Ceo), Pepa Álvarez Gómez (poeta e declamadora de Verín), Curra Figueroa (poeta) e o protagonista do evento Benito Eladio Rodríguez Fernández (fundador da adega Arco da Vella a Adega de Eladio, poeta de Beade e membro do grupo “Por un Ribeiro poético”). Por outra banda, tamén soaron cancións da man do grupo “Os Tarabelos”, conformado por Armando González, Andrés Rodríguez (cantautor), Antón Alonso (músico) e o propio Eladio Rodríguez. Unha xornada moi entretida e que sacou sorrisos a máis dun dos asistentes.

O ciclo celebrarase durante catro xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 4 de novembro ata o 2 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo estará limitado a 50 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.

O mércores 10 de novembro será o momento da realización da cata de Bodegas Nairoa que presentará seus viños, entre os que estarán os brancos Alberte e Val de Nairoa, arroupados pola música country de Os Forasteiros. O 18 de novembro será coa cata de Vinos con Personalidad, onde Pablo Vidal presentará en cata vertical o seu viño branco Renacido e o seu novo viño tinto, Big Bang, acompañado do dúo acústico Slastic, formado por baixo e guitarra. E para rematar esta sétima edición, o broche final poñerao o 2 de decembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís 2020 en harmonía co espectáculo musical de Queiman e Pousa.