Sumario - EDITORIAL HGg&T 233 (Novembro-decembro 2021)

 

Repunta o Covid en Centroeuropa cando afrontamos a impresión do último número do ano HGgT233. Mantense por tanto, a preocupación polos fluxos turísticos de Alemaña (máis Reino Unido) e demais vecindades, e inda que por estes pagos do noroeste nótase pouco seu peso, si inflúe a preocupación na economía española, e sen dúbida nos desenvolvementos turísticos interiores -aparte, as promocións do Imserso esperando a Godot- e cando decimos así contemplamos a Península Ibérica como un todo.

Paralelamente, nada disociado aínda das influencias pandémicas, asoman agobios loxísticos e a consecuente ameaza para determinadas materias primas e o consecuente debilitamento da economía de base, veña vía comercio, veña vía inflación, isto é, a economía doméstica baixo o imperio do termómetro. Vaia, que cun ollo posto na realidade flutuante, e o outro no día a día, que semella reflectir ánimo emprendedor e positivo. Nesta perspectiva concibimos uns contidos para esta edición plenamente suxerentes para afrontar estas datas finais que veñen, e tamén as do ano que comeza, con ganas de vivir o momento, e de vivilo ben. Velaí o informe sobre os tintos sobresaíntes no mapa peninsular atlántico (páxs. 10 a 21), velaí as suxestións sobre outros bocados da actual despensa estacional que lles brindamos á luz de como se contemplaban na obra de Emilia Pardo Bazán (páxs. 23 a 31) cuxo centenario remata. Moitos datos útiles para unha elección equilibrada, consumerísticamente segura ao longo das 44 páxinas que acada nesta edición o noso tabloide.

E máis reflexións orientativas a través das entrevistas (páxs. 6, 36 a 39 que ocupa a Mesa de Redacción, e 40-41) ou das opinións con firma, entre a de “apertura de persiana” e as habituais da penúltima, mediando entre elas os apuntes glosados do Directo-r e demais seccións fixas de actualidade, na que prima -e deixamos o subraiado para o final porque vén ser o novedoso pórtico deste número- a proclamación dos establecementos hostaleiros baluartes durante a pandemia, polo seu servizo exemplar segundo enquisa HGg&T entre os clientes (páxs. 8 e 9). Unha maneira respectuosa de coroar, desde o Consello Editorial, este tempo de adicación ao sector, e de saudar satisfeitos felicitando as festas e o novo ano. Ata aquí temos chegado!