Solicítase que o Camiño de Santiago pola Vía da Prata opte os Next Generation

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da Comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, mantiveron en Sevilla un encontro con responsables de turismo, cultura e patrimonio das comunidades polas que transcorre o Camiño Mozárabe-Vía da Prata, co obxectivo de seguir avanzando na posta en valor deste itinerario e no desenvolvemento turístico do Camiño de Santiago ao seu paso por Andalucía, Estremadura e Castela e León. 

Durante o encontro, o Goberno galego impulsou unha proposta para solicitar que o Camiño de Santiago pola Vía da Prata opte ás axudas previstas para o desenvolvemento do programa Experiencias Turismo España, promovidas pola Secretaría de Estado de Turismo con fondos europeos Next Generation co obxectivo de mellorar a experiencia turística nacional e impulsar a creación de novos produtos turísticos máis sostibles, dixitais e innovadores. 

A proposta da Xunta pasa polo desenvolvemento da Vía da Prata Cicloturista, aproveitando as características dun trazado que se adapta perfectamente ás necesidades daqueles que queren peregrinar a Santiago en bicicleta.

Galicia presentou, ademais, unha proposta para que estas comunidades autónomas da Vía da Prata se adhiran ao proxecto conxunto Buen Camino, que a Xunta impulsou en colaboración con Google Arts&Culture, a Fundación Catedral, a Federación Española de Amigos del Camino de Santiago e o Goberno de Aragón. 

Denominación conxunta do trazado

O encontro de traballo tamén serviu para fixar os criterios de promoción do trazado de cara o vindeiro Ano Santo así como solicitar a inclusión de Andalucía e Estremadura no Consejo Jacobeo, o órgano de cooperación que ten como obxectivo facilitar a comunicación entre o Estado e as comunidades do Camiño de Santiago e que actualmente está conformado polas autonomías do Camiño Francés e dos Camiños do Norte, ademais de Cataluña. 

Ademais, as catro comunidades participantes no encontro consensuaron o uso da denominación Camiño Mozárabe-Vía da Prata para referirse a este itinerario xacobeo, coincidindo así coa denominación que a ruta ten en Galicia, onde a Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia recolle ambos nomes para referirse a este trazado.

A reunión de traballo tivo lugar no marco do Encontro de Comunidades Autónomas do Camiño de Santiago pola Vía da Prata, que remata mañá na capital andaluza, que nesta ocasión acolleu unha xuntanza que se desenvolve con carácter periódico nos diferentes territorios polos que pasa esta ruta xacobea.

Elixido por peregrinos expertos

A Vía da Prata atravesa 9 provincias e máis dun cento de municipios ao longo de Andalucía, Estremadura e Castela e León. En 2019 foi o Camiño escollido por 9.201 peregrinos que recolleron a súa Compostela, o sétimo por peso. No que vai de ano foi a ruta escollida por máis de 3.700 peregrinos. Trátase dun itinerario elixido habitualmente por peregrinos veteranos, moitos deles de procedencia europea, ademais de ser un camiño ideal para a peregrinación a cabalo ou en bicicleta.