Santiago acolle a cuarta edición do foro Fairway



O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, acolle ata o 9 de novembro cuarta edición do foro Fairway; un punto de encontro e de reflexión para os profesionais do sector turístico vencellados ao Camiño de Santiago e conta con feira, workshop, congreso e academy. 

A cita foi inaugurada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que subliñou que o encontro, ao que se prevé que asistan 4.500 persoas e que conta con 80 expositores nun espazo de 1.800 metros cadrados, é “un gran escaparate internacional” para captar peregrinos e turistas coincidindo co Ano Santo, e que axudará a reactivar o sector polas posibilidades de negocio que ofrecen as 2.000 reunións previstas.

Ademais de expositores de carácter nacional e internacional, o encontro acollerá mesas de traballo, foros especializados e actividades complementarias, como percorridos polo Camiño Inglés e polo Portugués. Na feira estarán representadas todas as comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño.

Pola súa banda, o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, destacou o potencial das dúas rutas xacobeas que pasan pola provincia da Coruña, o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía. "Os camiños serven para unir e o Camiño Inglés une, desde hai séculos, a nosa provincia co norte de Europa e coas illas británicas, constituíndo unha canle permanente de intercambios culturais, lingüísticos e etnolóxicos que deixaron a súa pegada nos 18 concellos que están hoxe aquí representados".