Saltan á palestra cun túnel do viño en Pontevedra os caldos con IXP


Unha ampla representación institucional deu lectura á declaración institucional de apoio aos viños elaborados baixo as Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia e nomeadamente aos da IXP Ribeiras do Morrazo, diante de adegueiros de todos os territorios que se achegaron este sábado á inauguración do 1º Túnel dos Viños das IXP de Galicia.

O Evento, que se celebrou na sede do GDR Pontevedra Morrazo, enmarcase dentro do proxecto de cooperación “Dinamización e promoción das IXP vitícolas de Galicia” no que participan os 6 GDR (Pontevedra Morrazo,Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa) e 15 adegas dos territorios das IXP. 

No Acto participaron José Luis Cabarcos Corral, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e María Ramallo Vázquez, alcaldesa de Marín, que deu lectura do manifesto rodeada dos alcaldes do resto dos concellos que forman parte da IXP Ribeiras do Morrazo, así como representantes da Deputación de Pontevedra, Concello de Ponte Caldelas, o Servizo de Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, a Asociación de GDRs de Galicia, o Concello de Pontecesures, o Concello de Caldas de Reis, así como as adegas colaboradoras e os Grupos de Desenvolvemento Rural cooperantes.

Con este acto institucional icelebrouse o primeiro dos Túneles do Viño das IXP de Galicia: Val do Miño-Ourense, Terra de Barbanza e Iria, Terrra de Betanzos e Terras do Morrazo. Ademais, desenvolvéronse catas comentadas dirixidas a diferentes perfís: institucionais, hostelaría, prescritores e público xeral nas que participaron máis de cen persoas que puideron coñecer de primera man as propiedades duns viños «que falan de nós», da terra, do lugar, da súa orixe, e en definitiva que falan da memoria do que somos e do que queremos ser.