Regueira avoga pola colaboración entre administracións para construír destinos turísticos competitivos


O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, avogou en Xantar pola colaboración entre as distintas administracións para "construír destinos turísticos competitivos e sustentables, e un futuro próspero para o sector tanto na provincia como en todo o país". Xosé Regueira participou nunha mesa de intervencións con motivo do Día da provincia da Coruña, na que tamén estiveron a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martíns, o presidente da Cámara de Vila Real, Rui Jorge Cordeiro, o presidente da Federación de Cofradías Gastronómicas, Juan Manuel Garmendia, e o director de Xantar, Rogelio Martínez.

O vicepresidente da Deputación, durante a súa intervención, indicou que "nós sempre viñemos a Xantar a convidar ao público a que proben a nosa gastronomía para que despois se acheguen a coñecernos, a lembrarlle que temos 52 semanas ao ano que significa 52 oportunidades para visitar a nosa provincia". Neste sentido, tamén lembrou que "na nosa provincia temos 656 kilómetros de costa e somos epicentro de todos os Camiños de Santiago, que mesmo continúa ate esa Fisterra mítica".

No eido da promoción turística, Xosé Regueira tamén mencionou que "se algo sacamos desta pandemia a nivel turístico foi que nos deu a oportunidade de coñecernos e recoñecernos e de comprobar que a nosa provincia e toda Galiza é un destino dunha calidade extraordinaria". "E así debemos seguir, reencontrándonos coa nosa gastronomía, coa nosa cultura, coa nosa paisaxe e co noso patrimonio" afirmou.