Promoción en Asturias do Xacobeo 21-22, punto de partida do Camiño Primitivo

A Xunta de Galicia presentou en Asturias o Xacobeo 21-22, acto que o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou para invitar os asturianos a camiñar a Galicia con motivo do Ano Santo. 

O vicepresidente primeiro fixo fincapé na tradición xacobea de Asturias por ser Oviedo o punto de partida do Camiño Primitivo, xa que segundo a tradición, o rei Alfonso II O Casto foi o primeiro peregrino a Compostela. Ademais, fóra do Camiño Francés, Oviedo é desde principios do século XX a terceira cidade, despois de Tui e Porto no Camiño Portugués, da que máis peregrinos parten cara Santiago.

Por outra banda, Asturias é un dos territorios máis significativos do Camiño de Santiago, como proba o feito de que o atrevesen dúas das súas rutas oficiais: o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte, que suman o 11% do total de peregrinos.

Alfonso Rueda botou man dos vencellos de Asturias con Galicia e da estreita relación da comunidade autónoma veciña co Camiño de Santiago para recordar que o Xacobeo está a ser o motor económico da recuperación turística en Galicia e que as demais comunidades polas que atravesan as rutas xacobeas poden sacar proveito tamén “dunha oportunidade única”. O vicepresidente primeiro recordou que Galicia vai “polo bo camiño” e que foi quen de convencer aos turistas de que era un destino seguro. “Só así se explica que Galicia liderara este verán a recuperación turística en España e que chegara a niveis de ocupación similares aos da prepandemia”.

Os bos datos favorecen tamén ao Camiño, que logo das restricións de mobilidade por mor da pandemia recuperouse ata superar os 173.000 peregrinos, polo que todo parece indicar que o ano pechará con máis de 190.000 Compostelas entregadas. 

A presentación do Xacobeo en Asturias encádrase na rolda de actos organizados pola Xunta para animar, tanto no resto de España como no estranxeiro, a camiñar a Galicia e vivir unha experiencia única que coincide co modelo turístico en espazos abertos e vencellados coa natureza que demandan os turistas a raíz da pandemia e que encaixa coa marca Galicia como destino seguro.