Presentación da moeda conmemorativa do Xacobeo 21-22

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez,  participa na presentación da moeda conmemorativa do Xacobeo 21-22, acuñada pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, nun acto que contou coa presenza de representantes do Concello de Santiago e do Goberno central entre outros. 

Na súa intervención, Román Rodríguez fixo un paralelismo entre o “símbolo de cambio e intercambio” que representan as moedas e o “cambio espiritual, emocional, cultural, social e incluso sentimental” do Xacobeo. Tamén aludiu á “moeda única” do euro como “o gran símbolo moderno da nova Europa”. 

A moeda acuñada, que estará en circulación a partir do luns a un prezo de 30 euros, é unha peza de coleccionista que nunha das súas caras representa unha alegoría do Camiño cun peregrino chegado a Santiago, e pola outra ten impresa a imaxe dos Reis de España.