Pontevedra acolle o I Festival Gastronómico Mestizaxes, as Cociñas de Ida e Volta


Pontevedra Capital Gastro retoma o pulso coa celebración do I Festival Gastronómico Mestizaxes, as Cociñas de Ida e Volta, que se está a celebrar ata o 7 de novembro impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Universidade de Vigo, co obxectivo de poñer en valor as cociñas de fóra presentes na cidade e que constitúen unha parte importante da oferta culinaria pontevedresa.

“Temos instalada na Praza de España unha carpa na que, a partires do xoves pola tarde poderemos atopar 10 stands correspondentes a outros tantos establecementos hostaleiros de Pontevedra, que foron seleccionados co criterio de que fagan cociña internacional dun país ben definido. A oferta gastronómica será en formato tapa, de xeito que o público asistente poida degustar varias receitas. Cada un dos restaurantes ofrecerá catro tapas salgadas e un doce. O aforo máximo previsto na carpa é de 360 persoas”, indicou Yoya Blanco.

O programa de actividades deseñado para este evento articúlase sobre dous eixes: uns faladoiros titulados Encontros Mestizos, consistentes en conversas que se desenvolverán na sede da Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra (Casa das Campás) entre representantes da cociña internacional e da cociña galega; e pola outra, o ‘I Festival Gastronómico Mestizaxes. As Cociñas de Ida e Volta’, cunha proposta moito máis lúdica na carpa instalada na Praza de España.

A iniciativa foi presentada pola propia Yoya Blanco; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e os chefs Rubén González Vallejo, de El Cafetín, Francesco Iannelli, de Il Piccolo, Carmen Canabal, de Causa Street Food, e Marta García, de Meigas Fóra, que protagonizarán dous dos Encontros, así como Marta Santiago, de A Fervella, en representación da Banda Cociñas de Pontevedra.

Estes Encontros Mestizos, aos que só se poderá asistir por convite (para respectar as restricións de aforo), celebraranse na Casa das Campás os días 2, 3 e 4 de novembro a partir das 11:30 horas, desenvolvéndose as Conversas no salón na planta alta do edificio da Vicerreitoría e as Conversas na cociña na planta baixa, na que, ao tempo que a conversa continúa, cada cociñeiro/a porase aos fogóns e elaborará uns bocados para os convidados.

Estes Encontros Mestizos, aos que só se poderá asistir por convite (para respectar as restricións de aforo), celebraranse na Casa das Campás os días 2, 3 e 4 de novembro a partir das 11:30 horas, desenvolvéndose as ‘Conversas no salón’ na planta alta do edificio da Vicerreitoría e as ‘Conversas na cociña’ na planta baixa, na que, ao tempo que a conversa continúa, cada cociñeiro/a porase aos fogóns e elaborará uns bocados para os convidados.

O encontro inaugural de hoxe estivo protagonizado por Ilhem e Rafael, do restaurante Dukela (cociña de Marrocos), e o estrella Michelin Iñaki Bretal, do Eirado da Leña, mentres que o do mércores 3 de novembro contará con Carmen Canabal, do restaurante Causa Street Food (cociña de Perú), e Marta García, de Meigas Fóra, e o do xoves 4 de novembro con Francesco Iannelli, de Il Piccolo (cociña de Italia), e Rubén González Vallejo, de El Cafetín.