O videoclip 'O teu camiñar' premiado en Aveiro


O videoclip da canción 'O teu camiñar', himno oficial do Camiño Inglés, impulsado polo Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, foi premiado este venres na gala de entrega de premios do Festival Internacional de Cinema de Turismo Art&Tur Festival que se celebrou en Aveiro entre o 26 e o 29 de outubro. A recoller o premio acudiron a cantante Carolina Rubirosa, autora da canción, e o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego.

A peza audiovisual, que ten coma protagonistas á propia Carolina Rubirosa e a Julia Baird, irmá do cantante John Lennon, foi premiada co segundo premio na categoría de vídeo promocional de Turismo Relixioso polo xurado da organización ao promover a ruta xacobea inglesa. Ademais, Carolina Rubirosa, cantou en directo unha versión da canción 'Imagine' dos Beatles co que quixo homenaxear a Lennon.

Precisamente o próximo domingo 7 de novembro, no Fairway, IV Foro do Camiño de Santiago, Carolina Rubirosa fará unha presentación do videoclip de 'O teu camiñar' acompañado dunha pequena actuación. Será no día de portas abertas, na Sala Compostela do Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia de Santiago de Compostela a partir das 13h.