O rural contra a violencia de xénero, programa organizado polos 24 GDR galegos



O conselleiro do Medio Rural, José González, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentaron esta mañá o proxecto “O rural contra a violencia de xénero”, que inclúe un amplo programa de actividades organizadas polos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de toda Galicia. Acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o conselleiro enxalzou o labor destes grupos para erradicar do rural esta lacra, con accións como as que hoxe se presentan para levar a cabo deica o 25 de novembro, data na que se conmemora o Día mundial da eliminación da violencia contra a muller.

A Axencia de Desenvolvemento Rural, responsable de coordinar todos os grupos de desenvolvemento rural da comunidade, é a artífice desta iniciativa, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Foron os propios 24 GDR os que deseñaron e organizaron un completo programa de actividades socioculturais cuxo acto central consistirá nunha andaina popular que, baixo o lema “O rural contra a violencia de xénero”, percorrerá Galicia o vindeiro sábado 13 de novembro.

Deste xeito, a andaina popular quere implicar a miles de persoas do rural para que, o mesmo día e á mesma hora, camiñen desde 24 puntos distintos do noso territorio para reclamar o fin da violencia machista e defender a igualdade. A través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta tamén quere poñer en valor os diferentes roteiros de peregrinación do Camiño de Santiago, co gallo do Xacobeo 21-22.