O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, designado como candidato a Global Geopark da UNESCO



Tras seis anos de intenso traballo e á segunda tentativa, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal acaba de recibir a comunicación do Comité Español de Cooperación coa UNESCO conforme será un dos dous candidatos estatais para obter o distintivo Global Geopark. A noticia fíxose pública a primeira hora desta mañá e capitalizou o encontro de traballo no que participaron, nun ambiente de clara satisfacción, representantes das administracións implicadas na iniciativa -os sete concellos, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia- coa finalidade de avaliar os avances máis recentes do proxecto. 

Porén, a xuntanza tamén serviu para tomar conciencia do intenso traballo que cumprirá facer a partir de agora co obxectivo de superar con nota o exame de campo ao que será sometida a candidatura por parte do Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques a partir de maio do ano que vén.

A designación do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal como unha das dúas candidaturas españolas -a outra é a de Costa Quebrada, en Cantabria- farase oficial á volta duns días, no momento en que o Comité Nacional de Cooperación coa UNESCO remita a súa carta de apoio ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, xunto co expediente completo do proxecto.

Na decisión pesaron os novos criterios de selección aplicados na presente anualidade, que cargan as tintas sobre a excepcionalidade xeolóxica do Cabo Ortegal, onde existen ata 6 Geosites -lugares de interese xeolóxico internacional- representativos do contexto da Oroxenia Varisca Ibérica e únicos no mundo para descubrir en superficie un dos capítulos máis apaixoantes da historia do planeta. Neste sentido, o proxecto local obtivo a cualificación máxima: 13 puntos.

A partir deste momento arranca un proceso que resultará na visita dos avaliadores internacionais -previsiblemente a partir de maio- que analizarán sobre o terreo o cumprimento dos obxectivos que perseguen os xeoparques en canto á posta en valor do patrimonio xeolóxico, a difusión científica e educativa da súa relevancia, a promoción dun turismo sostible e, quizais o de maior importancia, a aplicación dunha estratexia de desenvolvemento socioeconómico apoiada en todos os aspectos anteriores.