O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a presentación do proxecto de Dinamización e promoción das IXP de Viños de Galicia


O Alcalde de Pontevedra e Presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra-Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores e o Subdirector da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco Paradelo presentan o proxecto de "Dinamización e promoción das IXP de Viños de Galicia"nunha xornada que se desenvolverá hoxe xoves 4 de novembro ás 17.30 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Nesta xornada de presentación, o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, José María Tobío, explicará os obxectivos e liñas de acción principais do proxecto, no que colaboran 6 GDR e 15 adegas que producen viño baixo Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.

O evento completarase cun espazo divulgativo, centrado na calidade dos viños amparados polas IXP, a cargo de Xoán Miguel Concheiro Abal, xefe do departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e unha mesa redonda arredor do potencial das Indicacións Xeográficas do viño en Galicia a cargo de Luís Paadín (profesor e Técnico de Viticultura e Enoloxía da Universidade de Vigo), Antonio Portela (experto en cata de viños, viticultura e enoloxía) e Rafa Quintía (antropólogo e economista).