O número de ocupados en Ourense supera o 90 % da poboación activa


As 117.600 persoas ocupadas na provincia de Ourense segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre do 2021, non só supoñen o maior numero de ocupados desde o ano 2011, senón que permite que a taxa de ocupación sobre as persoas activas supere o 90 % (90,18 %), e con iso que a taxa de paro sobre activos quede por baixo do 10 %, cifras non acadadas con anterioridade na provincia na actual serie de datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) e que se sitúan por riba das do conxunto de Galicia. 

Unha mellora que se observa tamén no resto de indicadores sociolaborais da provincia, como o incremento das horas efectivas traballadas, da actividade feminina e na poboación mais nova, o fortalecemento da ocupación en moitos dos sectores estratéxicos para a economía ourensá ou a diminución da porcentaxe de fogares sen perceptores de ingresos, segundo datos faciligtados pola Deputación de Ourense..

Así se reflicte no último informe do Observatorio Económico Ourensán (OEOu), a plataforma de análise estatística e de transferencia de información da Deputación de Ourense, que fai un detallado estudo das diferentes variables que recolle a última EPA, en especial sobre a situación das persoas que carecen de actividade.

A EPA do terceiro trimestre sinala 138.000 persoas non activas en Ourense, o que supón tamén a mellor cifra dos últimos dez anos. No mesmo período do 2020, o número era de 140.400 e no 2019 (polo tanto anterior á crise da covid) o dato era de 141.800. No último decenio, no terceiro trimestre dos exercicios 2013 e 2014 chegaron a contabilizarse 149.100 inactivos.

Uns datos nos que incide de maneira determinante a realidade demográfica e os 94.000 pensionistas da provincia, unha cifra que se mantén estable e que ten aportado á renda dispoñible en outubro 82 millóns de euros, o maior importe ata hoxe debido sobre todo á mellora da pensión media, actualmente nos 766,6 euros, un 25,8 % máis que a do mesmo mes do 2012 na comparativa a dez anos.