O Museo Casa de la Troya abrirá de novo as súas portas ata o 11 de decembro


O Museo Casa de la Troya abrirá de novo as súas portas este xoves, 25 de novembro, e permanecerá aberto ata o vindeiro 11 de decembro. En concreto, os días nos que se poderá visitar a vella pensión de estudantes son os seguintes: do xoves 25 ao domingo 28, e do xoves 2 ao domingo 11 de decembro. O horario será o habitual, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A apertura coincide coa celebración, esta fin de semana, dun encontro internacional de tunas veteranas.

O presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, Benigno Amor, sinala que “temos o obxectivo de chegar aos 2.000 visitantes neste ano, cifra da que xa estamos preto. No que vai de 2021 viñeron ao museo un total de 1.790 visitantes, superando ampliamente a cifra de 2020, que foi de 1.031 persoas, e achegándose progresivamente ao número de visitantes que tiña antes da pandemia”.

Segundo os datos proporcionados polo museo, as visitas proceden nunha alta porcentaxe de diferentes puntos de España (92%), fronte aos estranxeiros (8%). “Cómpre valorar estes datos tendo en conta a situación sanitaria vivida este ano, posto que nunha situación normal as visitas serían máis do dobre e a procedencia dos estranxeiros suporía en torno a un 25%” -matiza o director do museo-.

Por comunidades autónomas, este ano predominaron os visitantes de Galicia (33%), seguidos dos da Comunidade de Madrid (15%), Andalucía (11%), Valencia (8%) e Cataluña (6%). Dentro de Galicia, foron maioritarios os visitantes residentes en Santiago (43%), seguidos dos da Coruña (29%), Pontevedra (18%), Ourense (6%) e Lugo (4%). En relación ás franxas de idade, predominaron os das comprendidas entre os 45 e os 64 anos (42%), seguidos da franxa de 25 a 44 (27%), 15 a 24 (12%), menores de 15 (11%) e maiores de 65 anos (8%).