O labor creativo de Galicia galardoado nos Premios da Cultura Galega 2021

Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o programa da CRTVG Dígocho Eu, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina son os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2021. 

Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. 

A Cidade da Cultura acolleu a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, así como profesionais de recoñecido prestixio, o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez; a directora de programas da Radio Galega, Tania Fernández; a directora e editora de Hércules de Edicións, Laura Rodríguez e a historiadora da Arte e comisaria de exposicións, María García-Alén. 

Con estes galardóns, a Xunta de Galicia premia un ano máis o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos. Recoñécese a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.