Nadal no Gaiás, da Orquesta Sinfónica de Galicia a maxia, circo e teatro

A Xunta de Galicia dá a coñecer este domingo no marco da feira Culturgal, celebrada en Pontevedra, as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do 17 de decembro. A programación conta cunha instalación no interior do museo a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, que recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá na xornada inaugural un gran concerto co acompañamento da cantaora Marina Heredia no que interpretarán obras de Federico García Lorca e Manuel de Falla. As actividades para estas datas complétanse con funcións de circo, maxia e teatro.

Nesta última xornada no Pazo da Cultura de Pontevedra intervén por parte da Xunta de Galicia o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para explicar o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega. Ademais a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, para dar conta do programa de exposicións do museo e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), encargado de presentar Rapa, a nova serie que a produtora Portocabo está a rodar en Galicia.


‘O marabilloso Camiño de Inverno’ e concerto da Orquestra Sinfónica

Baixo o título O marabilloso Camiño de Inverno, a artista Ana Inés Jabares-Pita transformará o Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás cunha composición de bólas de neve a escala humana con varias escenas representativas deste itinerario xacobeo, facendo un percorrido con paradas en lugares emblemáticos. Estas bólas, entre as que poderán pasear os visitantes coma quen se somerxe nun bosque, representan unha paisaxe máxica ambientada tamén con puntos de luz. A árbore contará cunha decoración na mesma liña, con bólas transparentes cun contido que simboliza as etapas do Camiño.

Ana Inés Jabares-Pita é unha escenógrafa, deseñadora e dramaturga galega recoñecida internacionalmente. Entre outros, gañou o premio Linbury de deseño escénico en 2013 polo deseño de The Driver’s Seat para o National Theatre of Scotland.


Tras a inauguración do espazo do Museo Centro Gaiás e o acendido das luces exteriores o venres 17, o visual dará paso ao sonoro. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá un concerto de Nadal ás 19,00 horas co acompañamento da cantaora Marina Heredia, que atesoura unha extensa carreira de colaboracións con reputados artistas flamencos. Da man do seu director asociado, José Trigueros, a agrupación interpretará durante unha hora e media obras de Federico García Lorca e Manuel de Falla. As entradas para a actuación, que ten un custo de 5€, estarán á venda proximamente en Ataquilla.com.


A cativada poderá gozar dun gran ‘Circo de Nadal’

A compañía La Fiesta Escénica levará ao Gaiás o 3 de xaneiro un gran Circo de Nadal con espectáculos aéreos, acrobacias e os seus osos polares animatrónicos. A programación complétase cunha función de maxia, Ilusións do Camiño, a cargo de Magia en la Manga, fixada para o día 27 de decembro. Estes magos tamén impartirán obradoiros para a cativada nas Tardes de maxia os días 22, 23, 28 e 29 de decembro. As entradas para as distintas propostas poderán adquirirse en Ataquilla.com a prezos que oscilan entre os 3 e os 5 euros. Ademais, o día 18 de decembro a Biblioteca de Galicia convida de balde (previa inscrición en cidadedacultura.gal) a gozar cun teatriño de elfos coa obra Os trasnos do Nadal.

O complexo do Gaiás quedará ambientado no seu exterior cun deseño de luces que será visible desde diversos puntos da cidade de Santiago. O alumeado, que permanecerá acendido desde o día 17 decembro, representará un camiño de estrelas que guiarán ao visitante ata a gran árbore situada no cumio do Bosque de Galicia.

O ‘Proxecto’ Nós potencia a presenza do galego no eido dixital

A Xunta de Galicia presenta en Culturgal da man do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, unha importante iniciativa encamiñada a conseguir que a lingua galega estea presente no eido dixital a través de asistentes de voz, subtitulación automática de contidos audiovisuais, apoio ao diagnóstico médico, servizos de teleasistencia avanzada ou na tramitación administrativa a través de asistentes virtuais.

Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega é unha ambiciosa aposta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Universidade de Santiago, que conta coa participación da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). O proxecto, que se centra en dúas grandes áreas de traballo, o procesamento de voz e de texto, supón colocar a Galicia na vangarda da Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe.