Inaugurada a exposición itinerante A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou A Coruña para inaugurar a  exposición itinerante A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía, comisariada por Pepe Barro e organizada pola Fundación Rosalía de Castro co apoio da Xunta de Galicia, entre outras administracións. A mostra, que se prevé que percorra Galicia durante dous anos, abre as xornadas dedicadas á poeta galega na Coruña ata o vindeiro venres 12 para celebrar os 150 anos da súa chegada á cidade.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidades resaltou que “a compra e conversión en museo e espazo de encontro para o galeguismo da Casa de Rosalía foi unha tarefa colectiva na que se implicaron no seu momento galegos do país e da diáspora e que, por iso mesmo, mostrou como a autora de Follas Novas, ademais de escritora xenial, era xa todo un símbolo de Galicia, da súa lingua e das súas ansias de futuro”.

Canda o secretario xeral tamén participaron neste acto inaugural nos Xardíns de Méndez Núñez o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o comisario da mostra, Pepe Barro, entre outras autoridades. 

50 anos da Casa de Rosalía

A partir de hoxe, e ata o vindeiro 24 de novembro, os emblemáticos Xardíns de Méndez Núñez acollen a exposición exterior A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía. Unha mostra que pretende resaltar o fito que supuxo mercar, restaurar e musealizar esta Casa-Museo en pleno franquismo, pero tamén ofrecer un repaso pola súa historia desde que abriu ao público aquel 15 de xullo de 1971.

A exposición está organizada en seis capítulos diferenciados: A Casa e o tren;  Rosalía na casa, que recolle os últimos anos de vida da poeta nesta vivenda; Unha Casa santuario, que analiza as iniciativas que xurdiron para mercar a casa entre 1900 e 1940; A causa da Casa, que afonda na historia da compra do inmoble en 1946 por Xosé Mosquera e Xosé Villar Granjel; O Padroado da Casa e A Casa de Galicia, que se centran nos movementos galeguistas e progresistas xurdidos e nas achegas de galegos e galegas de todo o país e da emigración para converter a última residencia de Rosalía de Castro nun símbolo da cultura propia.

Rematada a súa estadía na Coruña, a exposición seguirá o seu camiño por Galicia con próxima parada no Culturgal, en Pontevedra, do 26 ao 28 de novembro, e logo iniciará un percorrido polas cidades e vilas de todo o territorio galego durante dous anos, segundo o previsto. As vindeiras datas e destinos poderán consultarse no Portal da Lingua Galega e no web da Fundación Rosalía de Castro.

A Casa da Matanza

A Casa da Matanza, en Padrón, foi o fogar de Rosalía nos derradeiros anos da súa vida. Un ano despois da súa compra en 1946 , por iniciativa de Xosé Mosquera, creouse o Padroado Rosalía de Castro, un refuxio do galeguismo que procurou arranxar a restaurar a vivenda para facer dela un símbolo da galeguidade. Con todo, a primeira restauración non se realizou ata 1951 e ata pasados 20 anos máis, en 1971, non abriu as súas portas convertida na Casa-Museo, propiedade na actualidade da Fundación Rosalía de Castro.