Hiperpersoalización para un territorio intelixente e sostible na IV edición de Turistic


A IV edición de Turistic, que a Deputación promove ao abeiro do programa SmartPeme será presentada por Yolanda Vázquez e contará coa participación “estrela” de Esther Rodríguez, de MyStreetBook, nominada ao “Innovators Under 35 del Massachusetts Institute of Technology” e seleccionada na lista “Business  Insider 2019” como “unha das 29 españolas menores de 35 anos chamadas a revolucionar a tecnoloxía, finanzas e política”. Na conferencia, falará sobre “Hiperpersoalización para un territorio intelixente e sostible”.  Esther Rodríguez afondará así en como as e os xestores turísticos -públicos e privados- poden atraer a novos perfís de persoas viaxeiras dixitais a través do uso dos datos, a intelixencia artificial e a recomendación de rutas personalizadas.

Amais, a xornada contará con dúas mesas redondas. Na primeira delas, centrada no “Turismo responsable na nova normalidade” e moderada pola xornalista Nani Arenas, participarán a consultora Maite Vence (do Observer® Science Tourism), a empresaria de turismo cultural Beatriz Pérez (CEO de Máis que Románico), o estrela Michelín  Javier Olleros (do restaurante Culler de Pau, con Estrela Michelín e Estrela Verde), e a empresaria arousana de turismo activo Marta Iglesias (da empresa Piragüilla Ocio y Aventura). A segunda mesa redonda, centrada en “O protagonista do dato no novo ecosistema turístico”, será moderada pola deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e contará coa participación de Iván Leanizbarrutia (CEO da empresa internacional NETHODOLOGY), da emprendedora galega Lorena Rosende (CEO de ITERA) e dunha persoas representante da Fundación CTIC que esta a desenvolver interesantes proxectos de intelixencia artificial no turismo no medio rural.

Tamén se divulgará a “Carta de Dereitos Dixitais” elaborada por un grupo de persoas expertas convocadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase, tal e como explicou a presidenta, do “marco de referencia para a acción das administracións públicas, das empresas e da sociedade para aproveitar as potencialidades e oportunidades que ofrece o entorno dixital controlando os riscos”.  Trala súa divulgación en Turistic, a “Carta de Dereitos Dixitais” estará a disposición das entidades e persoas interesadas na web da Deputación.