GALP Golfo Ártabro Sur difunde a importancia de producir menos lixo

Unha vintena de rapaces de 1º e 2º do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) no CPR Plurilingüe La Grande Obra de Atocha limparon onte toda a mañá a praia de Bens de residuos que o mar devolveu ao areal. Esta saída ambiental foi unha actividade de divulgación promovida polo GALP Golfo Ártabro Sur con centros escolares da súa contorna para difundir a importancia de producir menos lixo, así como a necesidade de depositalos no colector correcto para o seu tratamento. 

“O sector pesqueiro e moitas outras actividades económicas dependen dun mar limpo”, recordáronlle desde a entidade aos rapaces, á vez que os animaron a reducir os utensilios dun só uso e actuar con responsabilidade en todas as facetas da vida, desde a compra responsable ao consumo eficiente de recursos básicos ou a compostaxe dos restos de comida no fogar.

O resultado de dúas horas de recollida foron70.20 kg de lixo. En concreto, 410 toalliñas, 221 pezas de plástico de 2,5 a 50 centímetros, 80 pezas de tela e algunha sola de zapato, 36 bolsas e outros envoltorios plásticos de usar e tirar, 21 botellas tamén de plástico, 17 apeiros de pesca e 13 pauciños para limpar os oídos. En moita menor cantidade, e de xeito testemuñal para deixar constancia da variedade de lixo que tiramos ao mar como se fose unha papeleira, nos baldes tamén había latas e botellas de vidro, algún aparato eléctrico, produtos de hixiene feminina, cabichas, 2 sementeiros de porexpán e 1 libro sen cubertas de “Reinas para la Historia”.

A ducia de bolsas de lixo que se xuntaron depositáronse no punto limpo para proceder á súa reciclaxe. Antes da recollida de lixo na praia de Bens, os monitores ambientais impartiron unha charla no colexio sobre a importancia do ecosistema mariño do Golfo Ártabro e os diferentes residuos que se atopan nas nosas costas. Amparo Dopico, do equipo técnico do GALP, e José Garrote, secretario do mesmo, tamén lles falaron sobre o traballo da entidade, as posibilidades de emprendemento e as axudas ás que poden optar. 

Esta xornada promovida polo GALP Golfo Ártabro Sur forma parte do seu programa anual de actividades dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (DLP) para toda a poboación dos concellos de Arteixo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo, que integran o seu territorio de actuación.