Galicia en Londres no marco da feira internacional World Travel Market

Unha representación galega visitou o expositor no que Galicia participa en Londres no marco da feira internacional World Travel Market, unha das citas de maior importancia da industria turística a nivel mundial, que se celebra esta semana en Londres en formato híbrido.

A promoción internacional do Xacobeo centra a oferta de Galicia na feira, presente dentro do espazo de Turespaña, na que tamén se dan a coñecer os diferentes recursos turísticos do noso territorio. Ademais, o expositor conta cun lugar de traballo para atención de citas e encontros compartida co Clúster Turismo de Galicia a fin de establecer contactos comerciais con operadores e empresas de servizos turísticos británicos e doutros países presentes na feira e potenciar a comercialización dos produtos que ofrecen as empresas turísticas galegas.

Durante a súa participación na World Travel Market, representantes institucionais e do sector en Galicia puideron establecer contacto con representantes turísticos doutras comunidades españolas, ademais de asistir á recepción na Embaixada española en Londres.