Galicia mantense no segundo posto a nivel nacional de recoñecementos "Q"

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a aposta da Xunta polo turismo de calidade e o traballo levado a cabo durante a pandemia para apoiar ao sector e reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e sostible. Así o indicou no acto de recoñecemento das Q de Calidade Turística 2020 de Turismo de Galicia, ao que tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias. 

Froito deste traballo, Galicia sumou o ano pasado 38 novas certificacións pese á crise sanitaria da covid, ao mesmo tempo que se mantivo no segundo posto en termos absolutos con 328 selos, só por detrás de Andalucía. Ademais, é un dos destinos que máis ten apostado pola calidade desde a posta en marcha destes recoñecementos, fronte ás apenas 13 Q de Calidade obtidas en 2013. 

En canto ás tipoloxías de establecementos, Galicia lidera a consecución destas acreditacións en sete categorías tradicionais -hoteis, axencias de viaxes, aloxamentos rurais, balnearios, portos deportivos, negocios de turismo activo e industrial- e mantense como a segunda en servizos de restauración. 

Por outra parte, a comunidade galega é líder e tamén pioneira na certificación de tres novas tipoloxías: os aloxamentos sostibles, os albergues turísticos e os espazos públicos senlleiros. Alfonso Rueda lembrou que o ano pasado en toda España recoñeceuse coa Q de Calidade Turística a sete albergues e cinco espazos turísticos singulares, e os 12 establecementos estaban situados en Galicia. 

O vicepresidente primeiro da Xunta explicou que o Goberno galego non se quedou de brazos cruzados na pandemia e apoiou ao sector coa posta en marcha de tódolos protocolos de prevención ante anticovid nos establecementos turísticos e coa implantación de medidas coas que recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus. Estas medidas permitiron a recuperación da actividade turística no verán , de maneira que a comunidade superou en 25 puntos á media estatal respecto ás cifras de 2019, sendo a segunda autonomía con maior recuperación da demanda de noites e a terceira en número de viaxeiros en comparación cos datos prepandemia. 

Ademais, a reactivación do Camiño de Santiago permitiu acadar xa en setembro as 140.000 Compostelas previstas para este 2021 e no que vai de ano seláronse xa unhas 173.000. 

A aposta da Xunta pola calidade tamén será un dos piares do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023 que, xunto coa seguridade e a sustentabilidade, sentarán as bases do modelo de turismo para os próximos anos co que a Xunta busca adaptarse ás demandas actuais dos visitantes que buscan un turismo tranquilo en contacto coa natureza aproveitando os recursos da oferta turística galega. 

O apoio da Administración autonómica a mellorar a calidade dos negocios turísticos axudou a consolidar a marca Galicia Calidade. Por unha banda, a Xunta investiu ata o ano pasado 426.000 euros a apoiar o proceso de adhesión, certificación e renovación da Q de Calidade Turística e á convocatoria deste ano destina outros 410.000 euros, 260.000 euros en axudas a entidades locais e sectores para a renovación da Q de calidade e 150.000 para o convenio plurianual co Clúster Turismo de Galicia para a súa certificación.