En marcha o 75% das accións previstas na estratexia turística 20-23 da Deputación de Pontevedra

O Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 da Deputación de Pontevedra avanza con paso firme no obxectivo de mellorar a competitividade do destino, reforzar a oferta de produtos e servizos e impulsar a dixitalización. Seis meses despois da súa aprobación en xunta de Goberno xa están en marcha o 75% das accións previstas, segundo  explicou esta semana a deputada Ana Laura Iglesias aos e as integrantes da Mesa Provincial do Turismo, que agrupa ás principais entidades públicas e privadas do sector, e que terán un gran impacto na transformación da provincia mediante a potenciación de actividades sostibles e responsables. A Deputación tamén actualizou os datos de empresas da provincia adheridas ao selo de calidade SICTED. O destino Rías Baixas – Provincia de Pontevedra segue a ser líder en España nestes distintivos. Contan con el 296 empresas de 31 concellos, outras 28 atópanse no final do proceso para obtelo, e 25 están pendentes de completar os trámites.

O Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 inclúe 269 accións e a Deputación axilizou a súa posta en marcha para impulsar a reactivación do sector e captar fondos do programa europeo Next Generation. No apartado de promoción estase a reforzar a marca Rías Baixas, continúa o apoio da Deputación aos Rías Baixas Fests e puxéronse en marcha programas de sensibilización sobre sustentabilidade, igualdade de xénero e accesibilidade turística. Ademais atópase xa en licitación o lanzamento de novo material de promoción do destino. No eixo relativo á oferta turística trabállase na promoción do Camiño de Santiago con accións que inclúen unha exposición itinerante que se contratará en decembro, a recente presenza no Foro Fairway e a próxima convocatoria da Mesa do Camiño. 

O Castelo de Soutomaior, na Ruta Europea de Xardíns Históricos

Dentro deste eixo centrado na oferta turística cabe destacar a consolidación do Castelo de Soutomaior como un activo internacional. A Deputación acaba de recibir a confirmación de que o seu xardín pasa a formar parte da Ruta Europea de Xardíns Históricos, un dos itinerarios certificados polo Consello de Europa co que se pretende recoñecer o valor histórico, artístico e social dos xardíns de países como España, Portugal, Alemaña, Italia, Grecia, Hungría, Polonia ou Xeorxia. Ademais a fortaleza, que aumentou a súa oferta de actividades e supera xa as 30.000 visitas este ano, contará cun centro de recepción de visitantes, xa licitado, e iluminación monumental. Pola súa banda, na fortaleza de Sobroso, estanse a executar as obras de mellora e a musealización. A apertura está prevista para a Semana Santa de 2022.

A deputada tamén se referiu á Ruta dos Fenicios, que celebrou a súa asemblea internacional. A Deputación estivo presente e nos vindeiros días asistirá á asemblea nacional, onde representantes da institución exporán o proxecto para celebrar unha exposición itinerante na provincia acompañada de visitas guiadas.  Amais da Ruta dos Fenicios porase en marcha o I foro Euro Mediterráneo Américas de Turismo Social da man de ISTO Américas e a OEI. 

Xacementos e Ruta da Camelia

Outro dos proxectos que avanza é Trazas de Pontevedra, que pon en valor os xacementos galaico-romanos. A Deputación activou a licitación dos itinerarios turísticos e a creación do contido divulgativo, un proceso que estará rematado antes do verán do 2022.  En canto á Ruta da Camelia estase a traballar nos proxectos Camelias con nome de muller e o Xardín de té como reclamo turístico.

Por outra banda están en marcha os programas para potenciar produtos ligados ao patrimonio material e inmaterial das Rías Baixas, e a institución traballa nun estudio para impulsar o turismo vencellado ao patrimonio industrial. No ámbito da competitividade a Administración provincial segue a apoiar ás empresas na xestión dos distintivos SICTED, un traballo iniciado en 2005. Ademais están en proceso de redacción as convocatorias de axudas  e subvencións de Turismo Rías Baixas para 2022.

TurisTIC, centrado na sostibilidade e o Big Data

Actualmente hai 29 oficinas de turismo adheridas á rede INFO Rías Baixas e proximamente serán dixitalizadas. Pola súa banda o servizo SmartPeme traballa na organización do próximo foro TurisTIC, que terá lugar o 2 de decembro en Pontevedra e este ano centrarase na sostibilidade e o Big Data. Ademais, os workshops celebrados por en outubro en Valencia e Madrid “foron un éxito”, iniciativas para as que a Deputación xa está a  traballar na planificación de 2022.

En canto á transformación de Rías Baixas en destino turístico intelixente o obxectivo é converter a provincia no primeiro destino supramunicipal certificado pola norma UNE178501 a través de iniciativas que van desde o proxecto Tourist Inside Rías Baixas a accións de formación e capacitación, a creación dun ente xestor e a celebración de xornadas vencelladas á Axenda 2030 das Nacións Unidas.