En marcha a campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo


Arrancou a nova campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo financiada grazas á achega que fai a Deputación de Lugo á Federación de Comercio de Lugo co obxectivo incentivar as vendas no comercio de proximidade da provincia na recta final do ano.

A Deputación achega 50.000€ a través dun convenio de colaboración coa Federación de Comercio de Lugo para sacar adiante esta iniciativa que ten como finalidade poñer en valor “a calidade do noso comercio local, a calidade e a atención que ofrecen as tendas dos nosos barrios e das nosas vilas, destacar o seu peso fundamental na economía e no emprego, e incentivar as vendas nesta recta final do ano da volta á normalidade”, subliña o Presidente provincial, José Tomé Roca.

Con esta campaña premiase con descontos aos clientes que confían no comercio local facendo as súas compras neste tipo de establecementos e, ao mesmo tempo, búscase incentivar as compras nas tendas físicas, especialmente agora nos meses de novembro e decembro cando o comercio de sempre se ve máis afectado por campañas en internet e polas das grandes superficies.